O PP "empuxa o autobús de Hazte Oír" cando veta a Lei de Identidade de Xénero

O PP "empuxa o autobús de Hazte Oír" cando veta a Lei de Identidade de Xénero

O PP “empuxa o autobús de Hazte Oír” cando veta a Lei de Identidade de Xénero

A portavoz de Política Social e LGTBI do Grupo Socialista, Noela Blanco, lamentou hoxe que “mentres algúns pedaleabamos polos dereitos das persoas LGTBI, o PP empuxaba o autobús de Hazte Oír”. Así o dixo no debate da toma en consideración da Proposición de Lei de Identidade de Xénero de Galicia, que foi vetada polo PP no Pleno do Parlamento de hoxe.

A responsable socialista denunciou a “dobre moral” do PP que “foron a posturear ao Día do Orgullo en Madrid” pouco despois de ter rexeitado unha proposta do PSdeG para retirar os panfletos distribuídos polo colectivo homófobo e ultracatólico Hazte Oír. Criticou ao PP de “manterse en posicións intolerantes encerradas nun armario” cando rexeitaban o divorcio para “divorciarse unha, dúas, tres e ata catro veces”.

Continuou lembrando a súa oposición á legalización do aborto “e despois practicalo”, e mesmo a actuar como testemuñas de vodas entre persoas do mesmo xénero logo de levar a Lei ao Tribunal Constitucional. Son os mesmos, rematou, que apoiaron a Lei de Igualdade e non Discriminación de Galicia para a continuación convertela en “papel mollado” paralizando o seu desenvolvemento.

Lamentou ademais que o PP galego teña “pasado de abrazar a imaxe de moderación a ser candidato ao premio da ala dura do seu partido”. Así o dixo logo de que rexeitaran en Galicia unha Lei que apoiaron en Andalucía e na que mesmo se abstiveron en Madrid ou en Murcia.

Devolver dereitos

Blanco defendeu esta iniciativa, que foi presentada polas persoas LGTBI no Parlamento de Galicia, como unha “oportunidade de comezar a devolverlles o respecto que merecen, afirmar a súa identidade e de restituír a súa liberdade”. Sinalou que estas persoas “non pedían privilexios, pedían ser iguais en todos os ámbitos, e que iso non fora unha mera declaración de intencións”.

Explicou que esta norma defendía a “libre autodeterminación do xénero”, na liña do “gran consenso dos profesionais sanitarios, antropólogos, traballadores sociais, pedagogos ou educadores”. A norma regula por exemplo que os tratamentos sanitarios “non segreguen nin discriminen” a estas persoas, mentres a Xunta “anunciaba a semana pasada unha unidade de referencia excluínte baseada en tratamentos biomédicos propios dos 80”.

Tamén inclúe medidas no eido do ensino, para “incorporar esta realidade aos libros de texto” e para afrontar a realidade dunha convivencia difícil para estas persoas, sometidas a fenómenos como o bullying e o impacto psicolóxico e emocional que sofren.

Tamén regula o amparo dos menores, a posta en marcha da documentación administrativa transitoria “acorde á identidade de xénero” e afronta o tratamento da transexualidade nos medios de comunicación ou en diversos ámbitos como o deporte.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar