O PP desminte agora os anuncios de Feijóo no Debate do Estado da Autonomía

O PP desminte agora os anuncios de Feijóo no Debate do Estado da Autonomía

O PP desminte agora os anuncios de Feijóo no Debate do Estado da Autonomía

O portavoz do Grupo Socialista, José Luis Méndez Romeu, advertiu hoxe que as propostas de Resolución presentadas polo PP desvirtúan os “anuncios grandilocuentes” feitos onte por Feijóo. Méndez Romeu e a viceportavoz, Carmen Gallego, presentaron as 40 propostas dos socialistas, que reclaman a reversión ao público dos servizos educativos e sanitarios privatizados por Feijóo, incluíndo o Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.

O portavoz socialista advertiu que o suposto “cheque – bebé” de 100 euros anunciado polo presidente da Xunta limítase, de acordo coas propostas do PP, a unha axuda para as familias con nenos e sen praza pública de gardería. Criticou que ademais de xogar á confusión, o presidente da Xunta agochara con este anuncio a súa intención de “decaer ou minorar a construción de prazas públicas” de gardería.

Na mesma liña, os documentos presentados “non acreditan a rebaixa de impostos” anunciada por Feijóo, e continúan sen especificar se a suposta rebaixa do IRPF vai ser lineal ou só para os primeiros 12.000 euros. Mentres, os “cero impostos no rural” en realidade limítanse ao imposto de transmisións patrimoniais relacionado á transmisión de fincas en solo rústico e ampliación de explotacións por agrupación de fincas.

A proposta do PP non especifica que pasará no caso de propietarios que non sexan agricultores, e lembrou que dende a Lei 09/95 xa existía unha amplísima exención fiscal para estas explotacións, que foi ampliado a moitos contratos de arrendamento na Lei de posta en valor das terras agrarias.

Os socialistas reclaman unha nova política fiscal “progresiva e mais ambiciosa” da reforma encetada por Rajoy, que “resulta tremendamente regresiva e empeora a situación das rendas baixas e medias”.

Reversión

A viceportavoz do Grupo Socialista, Carmen Gallego, explicou as propostas presentadas polos socialistas galegos en materia de política social, que inclúen a reversión ao sistema público das privatizacións de servizos en educación e sanidade decretadas por Feijóo. Esta proposta inclúe o “rescate da concesión do Hospital privado Álvaro Cunqueiro”, de Vigo, e o remate coa discriminación histórica na atención hospitalaria desta área sanitaria.

Gallego explicou que as propostas socialistas sitúan como prioridade a recuperación do emprego a través dun incremento orzamentario e da reforma do servizo público priorizando a atención a parados de longa duración a través de plans territoriais de emprego e dun novo salario de reinserción.

O segundo eixo desta proposta é o impulso do emprego xuvenil de calidade a través dun Plan de Choque específico e da creación dun Observatorio de Xóvenes e Emigración que analice os fluxos migratorios.

Lembrou que o goberno de Feijóo supuxo a perda de 65.000 galegos e galegas, polo que urxiu á posta en marcha dun Plan de Dinamización Demográfica con “obxectivos avaliables e concretos”, e que inclúa o impulso da contratación feminina e a mellora dos servizos no medio rural.

Como medida de loita contra a pobreza, os socialistas propuxeron a ampliación da Risga ata ofrecer cobertura á totalidade das persoas sen recursos. Carmen Gallego lembrou que hoxe só acada ao 30 por cento deste colectivo, e suxeriu a creación dunha Declaración de Familias en Risco de Exclusión para garantirlles “prioridade en materia de emprego, educación e tutela xudicial ante desafiuzamentos ou execucións hipotecarias”.

Dependencia

A deputada socialista propuxo un plan urxente para reducir as listas de espera da Dependencia, e cualificou de “absolutamente insuficiente” o anuncio de Feijóo de atender a 10.000 persoas en 2016. Galicia conta hoxe cunha lista de espera do 41 por cento, con 27.000 persoas co dereito recoñecido sen recibir prestación, ás que hai que sumar ás 8.000 que xa faleceron dende 2009 agardando pola súa prestación.

Gallego explicou que os socialistas queren que o goberno lle devolva aos concellos as competencias en política social, e que se dirixa ao goberno de Rajoy para esixirlle a devolución dos mais de 100 millóns de euros recortados da atención á dependencia ou o 70 por cento detraído do Plan Concertado.

Os socialistas galegos reclamaron o traspaso das competencias de vivenda pública para desafiuzados á Consellería de Política Social e a presentación dunha Lei de Vivenda nun prazo de 3 meses que garanta o apoio ás persoas sen recursos e vítimas de desafiuzamentos. Tamén solicitan un concerto social para priorizar ao terceiro sector a contratación de servizos.

Execución

O portavoz do Grupo Socialista, José Luis Méndez Romeu, presentou pola súa banda as propostas de Resolución dirixidas a acadar a execución íntegra dos orzamentos aprobados polo goberno galego, que roza a irrelevancia á hora de executar os investimentos ou as transferencias de capital.

Reclamou a concreción do impacto en Galicia do Plan Juncker de investimentos da UE e a recuperación do nivel de financiamento acadado polo Igape en 2009, recuperar de forma inmediata o gasto en I+D e destinar o 1,5 por cento do PIB ao financiamento das universidades galegas. Os socialistas esixen ademais o cumprimento dos compromisos de infraestruturas do AVE, unha nova política de peaxes e a mellora na competitividade dos portos.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar