O PP deixa en mans de tribunais privados as relacións comerciais entre UE e EEUU

O PP deixa en mans de tribunais privados as relacións comerciais entre UE e EEUU

O portavoz de Economía e Industria do Grupo Socialista, Abel Losada, acusou hoxe ao PP de “deixar en mans de tribunais privados” as relacións comerciais entre a Unión Europea e os Estados Unidos. Así o dixo logo de que o PP rexeitara, na Comisión de Economía, unha proposición non de Lei socialista para establecer límites na negociación do Acordo Transatlántico para o Comercio e o Investimento –TTIP-.

Os socialistas galegos reclamaran en concreto garantir “os estándares sociais, laborais e medioambientais da UE e, en particular, a calidade da provisión de servizos e bens públicos de interese social, como sanidade, educación, auga ou a protección dos consumidores e usuarios”.

Ademais, esixen “a salvagarda da capacidade regulatoria dos diferentes estados, que este acordo vulnera impoñendo unhas condicións comerciais fixadas entre a UE e EEUU á marxe das normativas estatais”.

Losada criticou o entusiasmo do PP e do goberno galego ao deixar as relacións comerciais nas mans de axentes foráneos, por canto defenden a negociación do dito acordo “no eixo da chamada pola Xunta estratexia de internacionalización da economía galega”. Esta estratexia limítase a unha mera “operación publicitaria”, engadiu, dun “pretendido éxito que non se corresponde en absoluto cos datos estatísticos”.

Os socialistas reclamaron tamén a fixación de diversas “liñas vermellas” na dita negociación, como é a preservación dos estándares de protección social e ambiental da UE, unha adecuada transparencia das conversas, ou a incorporación dun capítulo que desenvolva os dereitos laborais e incorporar un mecanismo de resolución dos desacordos en materia laboral.

Ademais, reclama a protección e a privacidade de datos, equiparando as garantías das cidadanías comunitaria e estadounidense, o recoñecemento mutuo de cualificacións profesionais, a regulación de mercados e servizos financeiros, a retirada do sistema de arbitraxe para a resolución de conflitos entre investidores e os distintos estados e excluír da negociación a liberalización dos servizos públicos en tódolos niveis da administración.

Acordo

O debate finalizou sen embargo cun acordo parcial sobre a proposta socialista que foi votado por separado, para que a Xunta inste ao goberno central a realizar un estudo de impacto do TTIP para o noso país, tal e como están a facer outros países do entorno comunitario, un acordo que o responsable socialista considerou “absolutamente insuficiente”.

Texto da iniciativa aprobada hoxe:

-“O Parlamento de Galicia acorda instar á Xunta de Galicia a que reclame ao Goberno de España que realice un estudo de impacto do TTIP para o noso país, como están a facer outros países europeos”.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar