O PP de Galicia rexeita eliminar a inhumana prisión permanente revisable

O PP de Galicia rexeita eliminar a inhumana prisión permanente revisable

O PP de Galicia rexeita eliminar a inhumana prisión permanente revisable

A portavoz de xustiza do grupo socialista, Patricia Vilán, instou á Xunta de Galicia a que esixa ao goberno de España a reforma do Código Penal vixente, “modificando todos aqueles preceptos que se refiran ou prevexan como pena a prisión permanente revisable”. A deputada reclamou substituír a mencionada pena “por unha que se adecúe ao previsto na Constitución” e que constitúa “unha resposta sancionadora adecuada e proporcional á conduta que se castiga”, e recibiu o rexeitamento por parte do grupo do PP de Galicia.

A socialista fixo referencia ao artigo 25.2 da Constitución que di que “as penas privativas de liberdade e as medidas de seguridade estarán orientadas cara a reeducación e reinserción social”, e lamentou que o actual código penal se semelle pouco ao “magnífico código penal da democracia” aprobado en 1995, ao ter mudado coa “constante elevación das penas privativas de liberdade” coas reformas dos gobernos de Aznar e Rajoy, que entenden a xustiza penal “como un instrumento estritamente retributivo e sancionador”.

Vilán criticou que “a pena de prisión que falsamente se denomina permanente e revisable” estivo baseada “exclusivamente no plano social” e nunha actuación “inhumana e degradante” do entón ministro de Xustiza, Ruiz Gallardón. “A cadea perpetua non é aceptable desde un punto de vista ético”, afirmou a socialista, quen advertiu de que nin sequera se axusta aos requirimentos formais establecidos polo Tribunal de Dereitos Humanos e é difícil a conciliación desta pena coas previsións do Convenio Europeo dos Dereitos Humanos.

Tras o rexeitamento do PP, a socialista censurou que a dereita queira impoñer “a Lei do Talión, ollo por ollo e dente por dente”, e lembrou que tanto no CGPJ como no Consello de Estado houbo serias discrepancias internas coa reforma de Gallardón, cunha medida que non é “nin eficaz nin necesaria”, dixo. “Acabamos co terrorismo sen necesidade desta pena”, apuntou, e ironizou co argumento da demanda social empregado polo PP: “A segunda preocupación social segundo o CIS é a corrupción, e aí non vemos que lexislen a golpe de demanda social”.

“Vostedes poñen primeiro a seguridade e despois a liberdade das persoas, e iso é o que nos diferencia”, lamentou a socialista, que fixo tamén referencia ás penas de morte que foron conmutadas pola cadea perpetua durante a ditadura.

Pablo González Quintas

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar
Pechar

Escribe o teu nome de usuario ou o teu enderezo de correo. Recibirás por correo unha ligazón para creares un novo contrasinal.

Pechar

Pechar