O PP cambia o dereito á Dependencia por "caridade e beneficencia"

O PP cambia o dereito á Dependencia por “caridade e beneficencia”

Carmen GallegoA portavoz de Política Social do Grupo Socialista, Carmen Gallego, reclamou hoxe “a consagración dos dereitos” incluídos na Lei da Dependencia e que están a ser “pisoteados” polo PP, que “desmantela as prestacións pola vía dos feitos”. Así o dixo no debate dunha moción socialista que foi vetada polo PP para “volver aos tempos da caridade e da beneficencia”.

Os socialistas galegos reclamaban un plan de choque para reducir a lista de espera e pagar os atrasos aos dependentes con dereitos recoñecidos, equiparar o gasto por habitante á media estatal e esixirlle ao goberno central a devolución dos 111 millóns de euros que lle adebeda a Galicia polos recortes impostos en 2012.

Gallego reclamoulle ao goberno galego ademais que anule a súa instrución interna para priorizar o pago de contías pírricas aos dependentes en concepto de libranzas, marxinando así a ocupación de prazas públicas. Criticou que a Xunta queira pagarlle 50 ou 60 euros a persoas con pensións de 600, mentres devolve os pagos adebedados dende 2012 en cómodos prazos ata 2023 para persoas de 80 e 90 anos.

A deputada socialista criticou as “tretas” aplicadas polo goberno galego para tentar de reducir as listas de espera no ano 2016 nas 10.000 persoas comprometidas polo novo conselleiro cando o orzamento apenas permite atender a 3.400. A manobra, revelou Gallego, baséase na redución das prestacións, na priorización de libranzas e o incremento dos copagos.

A lista de espera reducirase así, explicou, polas baixas forzadas de persoas que non poden acudir a uns servizos públicos que se fan inasumibles para a Comunidade Autónoma coas pensións máis baixas do Estado e que é a terceira do Estado cunha peor aplicación da Dependencia.

Os socialistas galegos esixiron ademais a anulación das reavaliacións feitas de oficio pola ex conselleira de Traballo e Benestar para forzar a redución das prestacións e a imposición dun incremento insoportable dos copagos para as persoas usuarias.

A deputada socialista criticou a falla de interese do PP na aplicación deste dereito, logo de sinalar que mentres en dous anos de vixencia da Lei foron atendidas en Galicia 28.589 persoas, nos sete anos seguintes de xestión de Feijóo, a cifra apenas aumentou en 14.000 máis, deixando hoxe a 24.000 persoas coa prestación recoñecida pero sen recibir o dereito, o coñecido como “limbo da Dependencia”.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar