O PP admite no Parlamento que a Xunta incumprirá os prazos legais para eliminar barreiras arquitectónicas

O PP admite no Parlamento que a Xunta incumprirá os prazos legais para eliminar barreiras arquitectónicas

O PP admite no Parlamento que a Xunta incumprirá os prazos legais para eliminar barreiras arquitectónicas

A portavoz de política social do grupo socialista, Noela Blanco, presentou unha proposición non de lei para aprobar este ano un plan urxente de accesibilidade universal en edificios e instalacións de uso público e privado e “asegurar a plena inclusión de todas as persoas”, co correspondente orzamento para ser desenvolvido. Blanco lembrou que a Lei de Accesibilidade de 2014 establece como límite de prazo legal para eliminar barreiras o 4 de decembro, pero o PP pediu non poñer data a ese plan e admitiu que incumprirán os prazos. “Non lles pido que fagan maxia, senón que cumpran as leis que vostedes mesmos fan”, criticou.

“O goberno de Feijóo ten a mala costume de publicar leis para despois non cumprilas”, lamentou a socialista, quen apuntou que “xa bastantes barreiras se teñen que enfrontar as persoas con diversidade funcional como para que atopen máis nas institucións”. Blanco destacou que en Galicia é especialmente importante ir “cara ao obxectivo das barreiras cero”, xa que hai máis de 250.000 persoas que viven soas, cunha idade media máis de 63 anos. A accesibilidade, dixo, “é unha necesidade, unha porta á igualdade de oportunidades e a base para unha sociedade digna”.

A deputada socialista lembrou que a Lei de 2014, que modificaba a do ano 1997, xa naceu co único voto a favor do PP e coa abstención de todos os grupos da oposición “pola falla de dotación orzamentaria concreta” para canalizar as medidas que propugnaba. “Por desgraza o tempo deunos a razón”, afirmou. Ademais, apuntou que o recente informe da Valedora do Pobo, “pouco sospeitosa de ser unha perigosa roxa revolucionaria”, revela que a maioría de queixas da cidadanía sobre política social “corresponden á conculcación dos dereitos das persoas con discapacidade e á falta de accesibilidade”.

En concreto, o 4 de decembro deste ano remata o prazo legal para levar a cabo a eliminación de barreiras, e a Valedora do Pobo advirte no seu informe de que a resposta da Xunta a estas queixas “consiste en lembrar sen máis que aínda non venceu ese prazo”, unha “simplificación” que rexeita. “As adaptacións progresivas esixen unha planificación, e deben executarse de forma continuada durante o amplo prazo concedido. Se todas ou a maior parte esperan ao último momento o previsible é que non se realicen”, critica.

“Non imos ser cómplices do incumprimento dunha normativa autonómica; a Valedora deulles un tirón de orellas e nós posicionámonos con ela”, afirmou Noela Blanco, que apuntou que “as iniciativas do PSdeG non son para lavarlle a cara ao goberno, senón para mellorar a calidade de vida das persoas”, polo que lamentou “a oportunidade perdida”, ao non haber un compromiso de cumprimento dos prazos. “Rectifiquen por respecto aos colectivos de persoas con discapacidade, é triste ter que traer unha iniciativa no Parlamento para facer cumprir unha lei de hai tres anos. O que debera ser democrático estase a converter case nunha rebeldía”, concluíu.

Mercedes Cernadas

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar