O PP abandona ás mulleres do rural

O PP abandona ás mulleres do rural

O PP abandona ás mulleres do rural

As secretarias de Igualdade da Executiva Federal do PSOE, Carmen Montón, e do PSdeG-PSOE, Eva Fernández, manteñen un encontro coa Asociación de Mulleres Rurais e visitan unha explotación gandeira.

A secretaria de Igualdade da Executiva Federal do PSOE, Carmen Montón, denunciou hoxe o “absoluto abandono ás mulleres do rural” por parte dos gobernos do PP. Así o dixo logo do encontro coa Asociación de Mulleres Rurais de Santa María de Torre e a visita a unha explotación gandeira rexida por unha muller en Vilalba –Lugo-.

A responsable socialista confirmou o apoio do PSOE ás mulleres do medio rural e reivindicou o seu papel “fundamental no desenvolvemento e vertebración do territorio e da sociedade”. Montón criticou que o goberno central teña a este colectivo “abandonado” nos orzamentos do Estado, dedicando partidas “testemuñais” á súa promoción.

A marxinación nos orzamentos coincide, explicou, co boicoteo á lexislación aprobada polo goberno socialista en defensa destes colectivos, como é o caso da Lei de Titularidade Compartida, sen desenvolver en Galicia, que conta actualmente con tan só 11 mulleres rexistradas. Responsabilizou desta situación aos “recortes ás altas na seguridade social, a desinformación e á desidia e abandono” por parte de Feijóo.

O medio rural, dixo, sufre nomeadamente os recortes na sanidade e na educación, así como da Lei da Dependencia, e agora ademais vai sufrir a reforma da Lei de Administración Local, que retira aos concellos as competencias relativas á igualdade e violencia de xénero, cando se trata dunha problemática “moito mais intensa” no rural, onde as mulleres vítimas vense abocadas ao silencio.

Estragos

A responsable de Igualdade do PSdeG, Eva Fernández, advertiu que “tanto os recortes como o boicoteo ás principais leis socialistas que benefician ás mulleres do rural están facendo estragos neste colectivo”. Sinalou que “moitas destas mulleres vense obrigadas a abandonar as súas explotacións e teñen que recorrer á artesanía porque non poden afrontar os gastos derivados da súa actividade”.

As mulleres galegas padecen especialmente no mundo rural as consecuencias dun modelo patriarcal que establece ao home como beneficiario dunha titularidade “que elas non teñen”, quedando abandonadas á súa sorte.

A responsable socialista esixiulle tamén ao goberno galego “medidas e políticas concretas en política agraria” comezando polo desenvolvemento da Lei de Titularidade Compartida para permitir que estas mulleres “poidan vivir do campo e das súas explotacións”.

Visita

Carmen Montón e Eva Fernández, xunto coa vicepresidenta da Deputación de Lugo, Lara Méndez, a deputada no Congreso Margarita Pérez Herraiz, o deputado autonómico e secretario xeral do PSdeG de Lugo, Juan Carlos Fernández Santín, así como diversos cargos públicos e orgánicos, mantiveron hoxe un encontro coa Asociación de Mulleres Rurais de Santa María de Torre, en Vilalba –Lugo-.

No encontro coas integrantes desta entidade, composta por arredor de 60 mulleres dedicadas na súa maioría á actividade gandeira, analizaron a situación do colectivo e as diversas actividades formativas, lúdicas e culturais que convoca a Asociación.

A continuación, as representantes socialistas visitaron unha explotación de vacún de carne cuxa titular é unha muller que xestiona 27 vacas de carne de produción ecolóxica.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar