O Plan Eólico de Feijóo: erro político, chapuza técnica e fracaso económico

O Plan Eólico de Feijóo: erro político, chapuza técnica e fracaso económico

eolicoO portavoz de Economía e Industria do Grupo Socialista, Abel Losada, cualificou hoxe de “erro político, chapuza técnica e fracaso económico” a xestión do Plan Eólico dende a chegada de Feijóo ao goberno en 2009. Os socialistas solicitan a comparecencia de Feijóo e do conselleiro porque consideran, dixo Losada, “imprescindible asumir responsabilidades e dar a cara”.

A sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, obrigando á reavaliación do dito Plan, evidencia as advertencias que viñan presentando os socialistas dende que Feijóo decidiu paralizar e reiniciar un Plan xa en marcha. A continuación, dixo, Rajoy cavou a “tumba” do sector ao suprimir de golpe tódalas primas ás enerxías renovables, en lugar de buscar unha redución paulatina, dándolle a “puntilla”.

Losada explicou que o plan foi concibido en base a un grave “erro político” ao “misturar ideoloxía e negocio” e vetar a participación pública no impulso dun sector que era clave para Galicia. A “chapuza técnica” deriva dun proceso que “mistura o sector eólico co resto” ao sobreavaliar e dar un peso excesivo –dun 51 por cento- aos plans industriais e laborais alleos ao sector das empresas que participaron no concurso.

Como consecuencia, continuou, o “fracaso económico” dun Plan que, lonxe dos 6.000 millóns de euros e 14.000 empregos que ía xerar, a realidade é que se reduciron “a cero” e ademais “dende 2010 non foi aprobado un só novo megavatio derivado do Plan de Feijóo”.

Responsabilidade patrimonial

Lembrou que, ademais de non ter producido nin un só novo posto de traballo, a xestión de Feijóo e do PP paralizou totalmente o sector e “terá un importante custe económico para a facenda galega”. Este derivará da responsabilidade patrimonial que a Xunta terá que asumir polas reclamacións das empresas que derivarán desta sentenza das que deben responder os máximos responsables do goberno de Feijóo.

Losada acusou a Feijóo de manter a todo un sector, no que Galicia era punta de lanza hai apenas sete anos, como refén da “incerteza xurídica e regulatoria” ao anunciar o recurso diante do Tribunal Supremo, obrigando a manter “a parálise no investimento”.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar