O Plan contra Incendios, unha "declaración de conformismo" que demostra "falla de ambición"

O Plan contra Incendios, unha "declaración de conformismo" que demostra "falla de ambición"

O Plan contra Incendios, unha “declaración de conformismo” que demostra “falla de ambición”

O portavoz de Agricultura do Grupo Socialista, José Antonio Quiroga, criticou hoxe a “falla de ambición” da Xunta ao presentar o Pladiga como unha “declaración de conformismo”. Así o dixo na comparecencia do director xeral de Ordenación Forestal, que presentou as liñas mestras da Xunta contra os lumes “nun exercicio lamentable de falla de transparencia, logo de telo presentado aos catro ventos”.

Quiroga criticou así que a maior ambición da Consellería sexa ter menos de 559 incendios de máis dunha hectárea, e que non ardan máis de 15.000 hectáreas, recoñecendo ademais que “no mellor dos casos o dispositivo será eficaz nunhas condicións meteorolóxicas favorables”. Advertiu que con este plantexamento “se temos seca de varias semanas, temperaturas altas e nordés hai que agarrarse”.

O parlamentario socialista lamentou que o Plan presentado hoxe sexa “moi parecidiño ao do ano pasado, apenas un corta e pega”, que ademais é presentado días antes de que empece a temporada de alto risco e cando xa teñen ardido en Galicia 3.000 hectáreas.

Entre as poucas novidades, dixo, haberá un avión menos e a xeolocalización, que “se presenta como novidade pero xa estaba operativa agás para as brigadas municipais, e non todos concellos as teñen, polo tanto é unha novidade moi relativa”.

Criticou tamén que no plan haxa un incremento no número de parroquias de alto risco pero “sen embargo non hai medidas específicas para estas parroquias onde se concentran os lumes”.

Tamén censurou a falta de seguimento da limpeza nos entornos dos núcleos habitados, un “elemento clave” para a prevención de lumes, sinalando o “descontrol” con máis de 30.000 hectáreas de plantacións silvícolas en terras agrarias fóra de control en contra da lei, e do paso de 225.000 a 430.000 hectáreas de plantación de eucalipto.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar