O Parlamento de Galicia demandará ao Goberno central por iniciativa dos socialistas reformas na casa sindical de Monforte e un edificio propio para a Policía Nacional

O Parlamento de Galicia demandará ao Goberno central por iniciativa dos socialistas reformas na casa sindical de Monforte e un edificio propio para a Policía Nacional

O Parlamento de Galicia demandará ao Goberno central por iniciativa dos socialistas reformas na casa sindical de Monforte e un edificio propio para a Policía Nacional

Vicente DocasarO Parlamento de Galicia acordou hoxe solicitar ao Goberno central, por iniciativa dos deputados socialistas, a remodelación da Casa Sindical de Monforte de Lemos para eliminar as barreiras arquitectónicas e a construción dunha nova comisaría para a Policía Nacional na cidade.
Con respecto ás instalacións da Casa Sindical, o deputado socialista Vicente Docasar asegurou na primeira das proposicións non de lei defendidas en comisión que “non son accesibles, estamos falando dun edificio construído na década dos sesenta do pasado século e que ao longo do tempo veu albergando diferentes dependencias e servizos”.
“Estamos pois diante dun edificio que, polas súas características e polos diferentes servizos que presta, é visitado a diario por moitas persoas, non só das afiliadas aos sindicatos, senón tamén por aquelas entran a solicitar asesoramento xurídico, laboral ou formativo”, afirmou Docasar.
“A normativa en vigor, tanto a nivel estatal como a nivel autonómico, contempla que os edificios públicos deben ser accesibles á cidadanía con mobilidade reducida, cuestión esta que obviamente non se cumpre na Casa Sindical de Monforte de Lemos, pois o edificio conta con insalvables barreiras arquitectónicas para acceder ao seu interior”, apuntou.
Noutra proposición non de lei, Docasar manifestou que “Monforte é o segundo municipio da provincia de Lugo por habitantes e a pesar diso nunca contou cun edificio propio para albergar as dependencias do Corpo Nacional de Policía, que estivo ocupando diferentes edificios de aluguer, primeiro na rúa Roberto Baamonde e xa máis recentemente na rúa Miguel de Cervantes”.
O deputado do PSdeG lembrou que “ao mesmo tempo que iso pasa, o Concello de Monforte de Lemos puxo en 2009 a disposición do Ministerio do Interior uns terreos na rúa Duquesa de Alba para construír unha nova comisaría de policía na cidade, por ser esa unha demanda longamente solicitada e por parte de tres alcaldes diferentes: Celestino Torres (Coalición Galega), Nazario Pin (Partido Popular) e Severino Rodríguez (BNG)”.
“A seguridade dos cidadáns é un tema de grande importancia e nese contexto xogan un papel esencial tanto a policía como a garda civil; a garda civil conta dende hai moitos anos cun edificio propio, e que foi recentemente remodelado”, dixo.
“Todas estas circunstancias que vimos de relatar levan a este grupo parlamentario a pensar que é o momento axeitado para acometer definitivamente a construción desa nova e ansiada comisaría de Policía na cidade de Monforte de Lemos”, engadiu Docasar.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar