O Parlamento aproba unha iniciativa socialista para garantir a galeguidade de NCG

O Parlamento aproba unha iniciativa socialista para garantir a galeguidade de NCG

O Parlamento aproba unha iniciativa socialista para garantir a galeguidade de NCG

O Pleno do Parlamento aprobou hoxe unha moción socialista para garantir “o mantemento de Galicia no mapa financeiro con entidades solventes e vinculadas prioritariamente con familias e sectores produtivos galegos”. A portavoz de Facenda e Orzamentos do Grupo Socialista, María José Caride, esixiu ao PP que “ademais de apoiar a iniciativa, traballen” para cumprila.

A proposta inclúe “que a solución de futuro priorice, garantindo o criterio de solvencia, o mantemento de Novacaixagalicia como unha caixa propietaria dun banco que permita garantir a obra social”. Caride saudou o cambio de criterio do PP sobre este punto, logo de que rexeitaran unha proposta de resolución exactamente igual no debate do Estado da Autonomía.

Tamén reclama que o Plan de axuste interno da entidade “evite a exclusión financeira dos cidadáns galegos” e, finalmente, que o recurso ás axudas do FROB permitan mellorar a posición financeira e a xestión e sitúen a NCG en condicións de “recomprar unha parte substancial desta participación pública directamente ou a través de terceiros investidores propostos pola propia entidade”.

Caride amosouse “aínda máis preocupada” logo da intervención de hoxe do PP, xa que “din que apoian a moción pero que o asunto pinta mal”, e sinalou que “tan mal debe pintar que Feijóo pasou de ser o perexil de tódalas salsas da fusión a non querer saber nada de NCG”. Advertiu que pasou de dicir que a fusión existía grazas a el e a Rajoy a botarlle as culpas ao goberno anterior, a Zapatero, a Portugal e mesmo a Pachi Vázquez.

A responsable socialista cualificou de “sorprendente” que o presidente da Xunta queira “afastarse de NCG” como evidencian as súas declaracións sinalando que “cando veñen xestores os redirixen a NCG”.

Sinalou que “agora resulta que o presidente Feijóo pasou de liderar o futuro do sistema financeiro galego a desaparecer do mesmo afirmando que son as caixas as que teñen que vender o seu produto no mercado e acudir ao mercado para conseguir apoios financeiros que permitan acadar a súa capitalización”.

Dixo que a actitude da Xunta levanta “dúbidas” e lembrou que é o goberno galego quen debe garantir que a entidade financeira defenda o interese xeral dos galegos e das galegas. Sinalou que “os tempos difíciles precisan de xestores capaces no goberno galego e nas entidades e empresas máis importantes do tecido produtivo galego”.

Teoría da conspiración

Criticou que o presidente da Xunta se manteña “desaparecido” logo de comezar o proceso presentándose “como adalid da fusión” das entidades. Lamentou que o Goberno galego dedique “máis tempo e enerxía en buscar a quén botar as culpas que en definir a estratexia de futuro da entidade financeira” enredado nunha “teoría da conspiración” que se demostrou falsa logo do apoio do Banco de España ao plan de capitalización.

Dixo que “a vontade de colaboración amosada polo regulador parece clara, e polo tanto non vemos discriminación por ningures” e sinalou que “o único que vemos é que a Xunta agora parece que lle ten medo a saír na foto de NCG. Sinalou que “toda a vontade de acordo do goberno galego quedouse en dúas reunións e dúas fotografías”.

Lamentou que a Xunta fixera chamadas á unidade e só mantivera dous encontros logo da publicación do Real Decreto de reordenación do mercado financeiro e antes da publicación dos datos de solvencia por parte do Banco de España.

A partir de aí, dixo, só deron conta no Parlamento por requirimento dos grupos da oposición, eludindo explicar “por qué estamos no derradeiro lugar de core capital e somos a segunda entidade que máis recursos necesita para superar as probas de capitalización”.

Texto da iniciativa aprobada hoxe:

“O Parlamento de Galicia insta ao Goberno galego a adoptar as medidas precisas en coordinación co regulador estatal e os responsables de Novacaixagalicia para que os axustes derivados da reestruturación do sistema financeiro garantan:

  1. O mantemento de Galicia no mapa financeiro con entidades solventes e vinculadas prioritariamente con familias e sectores produtivos galegos.
  2. Que a solución de futuro priorice, garantindo o criterio de solvencia, o mantemento de Novacaixagalicia como unha caixa propietaria dun banco, que permita garantir a obra social.
  3. Que o Plan de axuste interno de Novacaixagalicia evite a exclusión financeira dos cidadáns galegos.
  4. Que o recurso ao Banco de España, a través do FROB, para atender as necesidades de capitalización non cubertas por capital privado permitan mellorar a posición financeira e a xestión. Así mesmo sitúen a Novacaixagalicia, dentro dos prazos previstos, en condicións de recomprar unha parte substancial desta participación pública directamente ou a través de terceiros investidores propostos pola propia entidade”.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar