O Parlamento aproba unha iniciativa socialista para defender a pesca ao "xeito"

O Parlamento aproba unha iniciativa socialista para defender a pesca ao "xeito"

O Parlamento aproba unha iniciativa socialista para defender a pesca ao "xeito"

barcosJosé Ramón Val critica que os gobernos central e autonómico renunciaron a presentar alegacións contra a prohibición decretada pola UE para protexer esta arte artesanal de pesca.

A Comisión de Pesca do Parlamento aprobou por unanimidade unha proposición non de Lei do Grupo Socialista para que a UE permita a continuidade do “xeito” e as modalidades de pesca artesanal respectuosas co medio ambiente. O portavoz de Pesca do Grupo Socialista, José Ramón Val, presentou esta iniciativa fronte á prohibición das artes de enmalle de deriva que se aplicará en 2015.

O responsable socialista advertiu que esta prohibición ten situado “na vía do exterminio” a unha modalidade de pesca artesanal centenaria, totalmente respectuosa co medio ambiente, da que viven actualmente preto de 500 embarcacións principalmente de Vigo, Pontevedra, e Arousa, sendo a maior parte delas de Rianxo.

Explicou que a prohibición, concibida para protexer a outras especies afectadas polos enmalles á deriva, resulta “totalmente desproporcionada”, xa que o “xeito” é altamente selectiva e practicamente non produce descartes. Por iso reclama a súa exclusión da prohibición que entrará en vigor o próximo 1 de xaneiro, xunto con outras modalidades artesanais respectuosas.

José Ramón Val criticou que, como confirmou a propia Comisión Europea, nin o goberno galego nin o goberno central presentaron ningún tipo de alegación contra a prohibición no prazo establecido, entre marzo e setembro de 2013. O responsable socialista levou ao Parlamento as protestas desta flota, que denuncia a “inmobilidade” do goberno galego fronte á súa situación.

Medidas compensatorias

A iniciativa aprobada hoxe inclúe a solicitude de medidas compensatorias para aliviar a difícil situación dun sector que se viu situado “contra as cordas” logo da prohibición da pesca da sardiña dende o pasado 18 de setembro por parte do Ministerio de Pesca, para coñecer pouco despois a súa exclusión da orde de axudas do goberno á flota afectada polo peche.

Advertiu que o sector está a vivir unha situación “verdadeiramente angustiosa” dende fai mes e medio no que viron cómo o goberno galego se mantiña “totalmente desaparecido, sen iniciativa e sen facer nada para paliar a súa situación e permitir que a flota continuara coa pesca da sardiña”.

Texto da iniciativa aprobada hoxe:

O Parlamento de Galicia insta ao goberno galego a que:

1.- Se dirixa ao Goberno central para que defenda diante da UE a continuidade do “xeito” e demais modalidades de pesca artesanal para acadar un tratamento diferenciado coma artes respectuosas co medio ambiente e se exclúan da proposta de prohibición das artes de pesca de enmalle de deriva con entrada en vigor prevista para o 1 de xaneiro de 2015.

2.- Se dirixa ao Goberno central para que de forma inmediata estableza as medidas compensatorias precisas para minimizar o impacto económico que supuxo para esta flota a prohibición de pesca de sardiña dende o 18 de setembro”.

Berberecho

Por outra parte, o portavoz de Pesca do Grupo Socialista, José Ramón Val, criticou a “pasividade” do goberno galego diante da drástica caída de produción de berberecho na ría de Arousa, afectado polo parásito marteilia. Val presentou unha pregunta na Comisión de Pesca na que censurou a falla de medidas económicas previstas para paliar as perdas millonarias do sector.

O responsable socialista alertou que os marisqueiros afectados séntense “defraudados polo goberno” que traslada unha realidade diametralmente oposta á súa situación. Explicou que a incidencia deste parásito provocou que a confraría de Carril pasara de recoller 442.339 quilos de molusco en 2011, cun valor de 2 millóns de euros a tan só 100.000 en 2013 por valor de 300.000 euros.

Denunciou o desinterese do goberno para apoiar a uns traballadores que a día de hoxe están afrontando unha situación “moi preocupante”, cuns ingresos diarios que roldan os 30 euros como máximo, “absolutamente insuficiente” para manter a súa actividade. Advertiu que esta situación resulta “vital” para o marisqueo da Ría de Arousa, que “ve perigar os seus ingresos e o seu modo de vida”.

Criticou que o goberno galego manteña a súa actividade habitual cando a realidade é que “unha situación extraordinaria precisa de medidas extraordinarias”. Considera ademais “inexplicable” que a Consellería de Pesca xustificara recentemente que non ten tomado ningunha medida porque “agardan a que os pescadores se poñan en contacto co goberno para comezar a buscar alternativas”.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar