O Parlamento aproba por unanimidade unha proposta socialista para que o Santander manteña a marca Pastor en Galicia

O Parlamento aproba por unanimidade unha proposta socialista para que o Santander manteña a marca Pastor en Galicia

O Parlamento aproba por unanimidade unha proposta socialista para que o Santander manteña a marca Pastor en Galicia

A portavoz de Economía do grupo socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, defendeu unha proposición non de lei no Pleno do Parlamento para reclamar “unha mensaxe de apoio unánime” de todos os grupos políticos aos traballadores e pequenos accionistas do Banco Popular-Pastor e reclamarlle ao novo propietario, o Banco Santander, que manteña a marca Banco Pastor en Galicia, que se minore o impacto da operación de venda no crédito e o emprego e que se manteñan as actividades da Fundación Barrié. A proposta socialista foi aprobada por unanimidade.

 

A socialista, que lembrou que o portavoz Xoaquín Fernández Leiceaga xa lle remitiu unha carta á presidenta do Banco Santander con estas reclamacións, considerou unha “moi mala noticia” para Galicia este novo cambio de titularidade, xa que a comunidade conta con case o 29% das oficinas de toda España dun banco con “longa historia e arraigo” cuxa venda supón “o punto e final do tecido financeiro” da nosa comunidade. “En 2008 o panorama financeiro de Galicia tiña dúas caixas e tres bancos, e agora só dous bancos teñen máis de dous terzos do mercado, cun oligopolio moi forte e elevado risco para os consumidores”, afirmou.

 

Rodríguez Rumbo trasladou a súa preocupación polo axuste laboral que afecta a 1.200 traballadores e traballadoras, polas consecuencias no crédito a familias e pemes e a exclusión financeira en moitos municipios do rural, pola perda de aforros dos pequenos accionistas, polos investimentos da Barrié en acción social, ciencia, educación e cultura e pola falta de confianza no papel dos reguladores bancarios.

 

Por todo isto, as reclamacións aprobadas no Parlamento dirixidas aos novos propietarios inclúen que o Banco Pastor manteña a condición xurídica de filial integrada dentro do grupo bancario, como sucedía coa integración no Popular, e que o cambio de propiedade “teña o menor impacto posible no crédito e no emprego, coa defensa dos dereitos dos traballadores”. Tamén piden a compensación das perdas sufridas polos pequenos accionistas, en especial os da última ampliación de capital, e que o Santander manteña os compromisos adquiridos coa Fundación Barrié con recursos suficientes. Ademais, solicitan aos órganos de regulación “unha investigación das últimas ampliacións de capital” e coñecer “se houbo información clara e precisa” para que os accionistas puidesen levar a cabo os seus investimentos con garantías.

Mercedes Cernadas

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar