O Pacto Educativo e a restauración dos dereitos dos estudantes, a debate no próximo Pleno do Parlamento

O Pacto Educativo e a restauración dos dereitos dos estudantes, a debate no próximo Pleno do Parlamento

O Pacto Educativo e a restauración dos dereitos dos estudantes, a debate no próximo Pleno do Parlamento

Os socialistas galegos centrarán o próximo Pleno do Parlamento na busca de consensos en relación ao Pacto de Estado pola educación. Así o explicou o portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, logo da Xunta de Portavoces que definiu a orde do día do Pleno da próxima semana.

Os socialistas galegos levarán así dúas proposicións non de Lei para consensuar na Cámara autonómica unha posición común do goberno galego no diálogo para o pacto educativo que se vén de abrir na Comisión Xeral das Comunidades Autónomas do Senado. Fernández Leiceaga propuxo incorporar á posición do goberno galego aos grupos parlamentarios e á comunidade educativa para “sumar o consenso interno de Galicia”.

O portavoz socialista reivindicou que nas conversas do Senado garantan o “respecto ás competencias autonómicas e á diversidade de linguas e culturas do Estado”, así como medidas dirixidas a mellorar a “eficiencia educativa”, coa finalidade de reducir o fracaso escolar e adaptar a formación ás demandas da sociedade.

Os socialistas galegos incluirán ademais unha proposición non de Lei para “repoñer os dereitos dos estudantes” modificando o sistema de concesión e a normativa reguladora de bolsas e axudas ao estudo. Fernández Leiceaga cualificou de “nefasta” a política do goberno central ao elevar a nota media para recibir unhas bolsas de estudos que ademais reduciu nun 15 por cento, ao que hai que sumar os atrasos nos pagos das mesmas.

O próximo Pleno incluirá ademais unha moción sobre a situación laboral e económica da mocidade, que incluirá a petición de derrogación da reforma laboral de Rajoy, así como a petición dun Plan de Emprego Xuvenil e o cambio no modelo de xestión do Plan de Garantía Xuvenil.

O portavoz socialista utilizará a sesión de control para preguntarlle ao presidente da Xunta sobre o uso por parte do Goberno “de todos os recursos dispoñibles para atallar os graves problemas de Galicia”. Neste sentido, apuntou á xestión adecuada das situacións de desigualdade, pobreza ou atención á dependencia nesta Comunidade Autónoma.

Sanidade

Os socialistas galegos presentarán ademais unha serie de preguntas parlamentarias dirixidas á situación das infraestruturas sanitarias en Vilagarcía de Arousa e Cee. Neste sentido, levan á Cámara a reivindicación do concello arousán de construír un novo Centro de Saúde no espazo da Autoridade Portuaria no centro da vila, así como o reforzo dos servizos sanitarios do Hospital Virxe da Xunqueira de Cee.

Presentarán ademais unha interpelación para demandarlle ao goberno galego a información dispoñible sobre a inmatriculación no rexistro da propiedade de bens inmobles da Igrexa católica. Fernández Leiceaga explicou que a Igrexa ten utilizado de forma masiva a reforma da lexislación hipotecaria polo goberno de Aznar, quen a partir de 1998 permitiu rexistrar e consolidar bens sen títulos de propiedade.

Tamén presentarán unha pregunta oral sobre a eliminación de nove rexistros da propiedade en Galicia en outras tantas comarcas, e os efectos que terán sobre a poboación afectada.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar