O informe de KPMG sobre a fusión das caixas constitúe "fume e coartada para unha decisión política xa tomada"

O informe de KPMG sobre a fusión das caixas constitúe "fume e coartada para unha decisión política xa tomada"

O informe de KPMG sobre a fusión das caixas constitúe "fume e coartada para unha decisión política xa tomada"

O portavoz do Grupo Socialista, Abel Losada, dixo hoxe que o informe de KPMG sobre a fusión das caixas constitúe “fume e coartada para unha decisión política xa tomada”. Así o dixo na comparecencia do ex director xeral de Caixanova, Julio Fernández Gayoso, na Comisión de Investigación sobre a fusión das caixas e as indemnizacións aos ex directivos.

O responsable socialista amosou hoxe a “decepción” do Grupo Socialista logo de ter accedido á “mal chamada polo goberno auditoría” encargada a KPMG sobre a fusión das caixas e que en realidade era un “informe acelerado” que foi utilizado por Feijóo para xustificar o proceso.

Losada preguntoulle hoxe ao ex directivo de Caixanova polos motivos para ter cambiado de opinión sobre a fusión logo das iniciais reticencias a un proceso que supuxo a “acta de defunción” das entidades ao que se sumou a actual secretaria de Estado de Facenda, Marta Fernández Currás, cunha rúbrica escrita a man sobre o documento orixinal de fusión das caixas galegas.

O parlamentario socialista preguntoulle quén bloqueou a fusión a través do modelo de Sistema Institucional de Protección –SIP- ou “fusión fría” logo de que o comparecente sinalara que o modelo escollido finalmente podería ser un dos motivos do seu fracaso. Lembrou Losada que os socialistas foron criticados pola Xunta ao propoñer este modelo fronte ao modelo defendido e levado a cabo por Feijóo.

Indemnizacións

Abel Losada salientou que a dirección política da Xunta “foi extremadamente intensa e vixilante” sobre o proceso de fusión que levou a un “fracaso financeiro obxectivo”. Así o dixo ao preguntar polos criterios seguidos polos responsables da comercialización das participacións preferentes e obrigas subordinadas a pequenos aforradores, así como sobre o establecemento de indemnizacións aos ex directivos.

O parlamentario socialista dixo que as cantidades de diñeiro entregadas aos ex directivos das entidades resultan “indecentes, e dobremente indecentes no contexto da crise”, e salientou a “asimetría” no tratamento os directivos beneficiados polas xubilacións en función do momento de abandonar as entidades, antes ou despois do proceso de fusión.

Advertiu que na documentación remitida á Comisión de Investigación “faltan as actas dos consellos de administración das caixas”, fundamentais para coñecer o proceso de toma de decisións e as responsabilidades nas decisións financeiras que levaron á desaparición das caixas galegas.

Así o dixo tamén o portavoz de Facenda do Grupo Socialista, Juan Carlos González Santín, quen interveu na comparecencia do ex presidente da Caixa Galicia e de Novacaixagalicia Mauro Varela, e que antes tamén foi deputado do PP no Congreso e no Parlamento de Galicia.

O parlamentario socialista criticou a “expansión desmesurada” das entidades, que centraron a súa expansión en torno ao sector inmobiliario. Lembrou que a partir de 2007 o Banco de España falaba de que “non lle cadraban as contas que vostedes aprobaban por unanimidade”. Amosou a súa sorpresa polo balance de crecemento dun 5 por cento en 2009, cuns beneficios de 131 millóns de euros, en plena crise económica.

Méndez

O portavoz de Facenda do Grupo Socialista, Juan Carlos Fernández Santín, dixo hoxe que a situación financeira e a xestión de Caixa Galicia provocou o fracaso da fusión das caixas “coa colaboración necesaria e imprescindible de Feijóo”. Así o dixo na comparecencia do ex director xeral desta entidade, José Luis Méndez, na Comisión de Investigación sobre a fusión no Parlamento de Galicia.

O responsable socialista responsabilizou ao ex directivo da “expansión desmesurada” da entidade e da súa introdución no mercado inmobiliario que “foi a causa de que acabaran como acabou”. Lembrou que Méndez foi o máximo responsable dunha entidade e dun Consello de Administración que aprobaba por unanimidade unhas contas que o Banco de España dende 2007 advertía que “non cadraban”.

Preguntoulle ao ex directivo si presentaba balances de negocio “reais”, logo de sinalar que en 2009 ofrecía 131 millóns de euros de beneficios e melloraba os resultados un 5 por cento con respecto ao ano anterior. Considera “incomprensible” que dúas entidades que se presentaban como solventes e ofrecendo beneficios “dous anos despois teñen un patrimonio neto dunha perda de 9.000 millóns de euros”.

Puxo en dúbida unha xestión que, malia que fora avalada por Feijóo, o Banco de España poñía en dúbida ao advertir desaxustes entre os datos reais e os presentados pola entidade. Neste sentido, advertiu que a morosidade era en realidade do 9,3 por cento e non do 5 como anunciaba Caixa Galicia.

Lembrou a conivencia desta entidade e do presidente da Xunta a favor dun proceso de fusión que rematou coa desaparición do sistema financeiro galego e que o propio Feijóo impulsou en base a unha suposta auditoría elaborada por KPMG. González Santín reclamoulle a Méndez que explicara as conclusións das súas propias auditorías e si o goberno galego presentoulles tamén a eles este informe.

Preferentes

O portavoz de Facenda do Grupo Socialista acusou hoxe aos responsables das entidades financeiras galegas de emitir participacións preferentes e obrigas subordinadas para obter liquidez e “financiar o seu crecemento desmesurado e os investimentos tóxicos” no sector inmobiliario”.

Esixiulle ao responsable da entidade que asuma a responsabilidade de ter comercializado un produto que “sabían que ían dar problemas” e que rematou con mais de 70.000 galegos e galegas estafados e cos seus aforros atrapados. Preguntoulle polas instrucións ofrecidas aos directores de banca para explicar aos aforradores en qué estaban a investir, “fundamental para saber si foron estafados”.

Lembrou que a entidade financeira está a furtarlle documentación á Comisión de Investigación, nomeadamente as actas dos consellos de administración, fundamentais para determinar as responsabilidades e a xestión desta estafa, así como das indemnizacións “escandalosas” aos ex directivos.

Preguntoulle ao máximo responsable da entidade polas súas remuneracións e a contía que adquiriu no momento da xubilación que, dixo, “non se pode permitir”. Preguntoulle ademais si a política de prexubilacións da entidade “afecta só aos altos directivos” e en qué momento urdiron as indemnizacións para os ex directivos.

Pego

Pola súa banda, o portavoz do Grupo socialista, Abel Losada, considerou “indecentes” estas indemnizacións, que resultan “dobremente indecentes no contexto de crise actual”. Así o dixo na comparecencia do ex director xeral de Caixanova e Novacaixagalicia, José Luis Pego, a quen lle preguntou si a Xunta coñecía dos cambios nas condicións das xubilacións e os contratos blindados.

Losada denunciou a intervención do goberno galego para forzar unha fusión que rematou coa perda de 9.000 millóns de euros, 70.000 persoas cos seus aforros atrapados pola estafa das preferentes, ademais da exclusión financeira de moitos concellos galegos polo peche de 950 oficinas e outros 4.000 traballadores na rúa

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar