O Goberno galego "fai caixa" coa externalización dos comedores escolares

O Goberno galego "fai caixa" coa externalización dos comedores escolares

O Goberno galego "fai caixa" coa externalización dos comedores escolares

Pleno del parlamento

O portavoz do Grupo Socialista, José Luis Méndez Romeu, acusou hoxe ao goberno galego de “facer caixa” coa externalización do servizo de comedor nas escolas públicas. Méndez Romeu empregou a sesión de control ao presidente para alertar da drástica perda de calidade dos servizos públicos polos recortes, a externalización dos servizos e a relaxación dos controis.

O responsable socialista citou o caso de centros educativos das rías baixas nos que os alumnos pagan taxas de 4,5 euros por un servizo de comedor adxudicado por 3,06 euros, nos que se inclúe “o beneficio industrial, os custes de persoal e o custe real” do alimento para os nenos e nenas. Preguntoulle ao presidente da Xunta si “poden dar un menú axeitado que custe menos de 2 euros netos”.

Méndez Romeu sinalou que os recentes casos de cátering en mal estado en diversos centros educativos de Galicia, que provocaron a rescisión dos contratos, demostrou que “non existía supervisión da administración”. Lamentou a escasa preocupación do goberno galego pola calidade do servizo nos centros de ensino, logo de sinalar que 10 comunidades autónomas teñen os menús por riba dos prezos de Galicia.

Esta é unha mostra, dixo, das consecuencias dos recortes de 4.000 millóns euros detraídos do gasto social polo goberno de Feijóo nos últimos 6 anos, xunto coa externalización a gran escala dos servizos públicos “seguindo modelos fracasados con notoria imprudencia”, como no caso do Hospital de Vigo, e a relaxación dos controis da administración.

Hospital de Vigo

O portavoz do Grupo Socialista sinalou que o caso do Hospital de Vigo ou da sanidade de Ourense resultan paradigmáticos das consecuencias que provocan os recortes impostos por Feijóo, con “redución de persoal, incremento da carga de traballo e redución polo tanto do tempo efectivo na atención aos docentes”.

O proceso do centro vigués, levado adiante “cheo de conflitos” e coa oposición frontal dos profesionais, os usuarios, as autoridades locais e tamén do Grupo Socialista, recibiu a denuncia das unidades de psiquiatría, o anuncio de investigación por parte de Bruxelas diante da posible ilegalidade do modelo ou mesmo a protesta formal dos xefes de servizo pola falla de medidas.

As revistas médicas, engadiu, chegan “cheas de fotos e reportaxes sobre as condicións dos servizos privatizados do hospital e sustraídos do control dos profesionais”, como o caso da limpeza ou restauración, mentres o deterioro dos servizos sanitarios recibe queixas repetidas dende os colexios médicos, as organizacións profesionais e mesmo dos doentes.

Mesmo o Valedor do Pobo, apuntou, está a recibir cada ano máis queixas pola situación dos servizos públicos, que sumaron o ano pasado en torno ás 6.000, a cuarta parte delas pola situación da sanidade pública, en concreto a atención sanitaria, a saturación de urxencias, a supresión de persoal ou as listas de espera.

Sinalou tamén a situación das residencias da terceira idade, onde os usuarios padecen as sobrecargas de traballo dos coidadores e polo tanto unha peor atención, unida á falla de investimentos, equipamento e material, que unido á suba dos copagos provocan as baixas dos usuarios.

Control descoidado

Estes son os indicadores, dixo, de que “están descoidando o control dos servizos externalizados”, que “debera ser tan intenso como nos servizos propios”, e instou a “dar a coñecer as inspeccións, auditorías, análises de custe, criterios de calidade ou avaliación de resultados.

Sinalou que “non abonda con que aporten unha batería de iniciativas lexislativas que non se cumpren”, xa que “non se coñecen datos simplemente porque non existen, non lles preocupan os servizos públicos, están descoidando a calidade que esixen os cidadáns e á que teñen dereito”.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar