"O Goberno está a deixar no esqueleto á Universidade Pública galega"

"O Goberno está a deixar no esqueleto á Universidade Pública galega"

"O Goberno está a deixar no esqueleto á Universidade Pública galega"

O portavoz de Universidade do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, denunciou que a Xunta está a aproveitar o verán para “deixar no esqueleto” á universidade pública galega “de costas ao Parlamento de Galicia. Reclamou a comparecencia do conselleiro de Educación para dar conta da coincidencia da redución de fondos públicos e o incremento das taxas dos universitarios.

Sinalou así que o decálogo de medidas de aforro da Xunta únese ao recorte de I+D, poñendo en perigo novos proxectos de investigación. Cualificou de “curioso” que as medidas sexan aprobadas nunha Comisión con maioría de membros da Xunta –dous de Facenda e dous de Educación- fronte aos representantes das tres universidades, e que recomenda “dieta” ás universidades logo de ter recortado o Plan de Financiamento “de maneira notable”.

Explicou que as medidas xenéricas que contén este decálogo son “preocupantes” e anuncian “negros nubarróns” para o futuro do sistema universitario anticipando a racionalización de persoal e alumnado. Explicou que este anuncio significa realmente “a redución de profesorado e persoal de servizos e o incremento das dificultades de acceso dos estudantes ao ensino universitario”.

Criticou que a Consellería persegue “o único obxectivo do aforro” provocando “unha mera poda cuantitativa” en contra do necesario “investimento no futuro” que supón potenciar ás universidades galegas. Dixo ademais que a Xunta elude presentar “ningunha estimación nin previsión” sobre o aforro que suporán estes recortes e resulta contraditorio cos anuncios “xenéricos” de mellora do perfil das titulacións feito pola Xunta.

Dixo que a Xunta establece tamén un incremento de recursos propios en base ao aumento das taxas universitarias. Dixo que mentres a Xunta reduce as súas aportacións no Plan de Financiamento quere pedir ás familias e aos estudantes que aumenten o seu gasto, e explicou que a pesares de que estas medidas son anunciadas para 2015 si que está creando un “clima favorable a esta medida que merece cando menos ser explicado”.

Leiceaga advertiu que presenta ademais obxectivos “que poderían ser razoables se non foran diametralmente opostos ás súas políticas”. Aludiu a que malia que a Xunta propón o aumento da autonomía das universidades e a súa coordinación para o uso compartido do equipamento científico e potenciar as bibliotecas, ao mesmo tempo “reduce á metade os fondos destinados ao BUGalicia –bibliotecas universitarias de Galicia-”.

Comparecencia

Os socialistas galegos presentaron así unha batería de iniciativas parlamentarias entre as que salienta a comparecencia do conselleiro de Educación para informar sobre as decisións da Xunta de aumentar as taxas universitarias e reducir os fondos de BUGalicia. Explicou que esta política “afecta directamente ao futuro das nosas universidades e á calidade da educación”.

Tamén presentou unha Proposición non de Lei para que o Goberno galego presente este decálogo como unha comunicación ao Parlamento, o que permitiría abrir un debate amplo tanto en Comisión como en Pleno, aberto a incluír as propostas de resolución presentadas polos grupos parlamentarios. Dixo que permitiría “aclarar dúbidas, calendarios e condicións do sistema universitario e definir o mapa de titulacións”.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar