O galego, convertido en lingua estranxeira no ensino en Galicia

O galego, convertido en lingua estranxeira no ensino en Galicia

O galego, convertido en lingua estranxeira no ensino en Galicia

A portavoz de Lingua do Grupo Socialista, Concepción Burgo, acusou hoxe ao goberno galego de facer do galego “unha lingua estranxeira” no ensino de Galicia. Así o dixo na comparecencia do director xeral de Política Lingüística na Comisión de Cultura do Parlamento, na que acusou á Xunta de “non facer nada en sete anos para descubrir agora que hai un problema co seu uso pola mocidade”.

A deputada socialista citou o informe sobre o estado de saúde das linguas minoritarias elaborado polo Comité de Expertos do Consello Europeo que veu supor unha “censura clara á política lingüística de Feijóo”. O informe sinala, lembrou, unha “extrema preocupación sobre os efectos negativos do Decreto do Plurilingüismo”, unha situación que non se repite no País Vasco nin en Cataluña.

Burgo trasladou a “preocupación” do Grupo Socialista pola “nula presenza do galego no ensino primario e tamén no secundario”, cando tan só o utiliza o 5 por cento dos centros de ensino infantil nas cidades, co que os alumnos “saen de infantil sen nocións de galego”.

Estas son as consecuencias, dixo, dun Decreto que “naceu como unha promesa aos cidadáns máis radicais en contra do uso do galego, como a necesidade de facer un elemento de controversia do que nunca fora tal, o idioma de todos nós feito un elemento de confrontación social e política por vostedes, polo PP”.

O informe “demoledor” da UE apunta ao incumprimento dos compromisos do goberno galego, con escasa presenza da lingua galega na xustiza, a sanidade ou a administración pública, mesmo a que depende da administración autonómica. Ademais, lembra a “práctica desaparición dos medios de comunicación en galego” sen ningún tipo de impulso por parte do Executivo para ampliar os medios neste idioma.

A responsable socialista dixo que a caída dun 70 por cento no orzamento en Política Lingüística evidencia o desinterese de Feijóo no impulso do galego, situándoo por debaixo do orzamento que manexaba o goberno de Fraga hai máis dunha década. Un descenso, sinalou, especialmente agudo en materia de investimento, onde a redución acada ao 80 por cento, deixando en apenas dous millóns a partida para todo un ano.

Burgo rematou a súa intervención criticando o desleixo do goberno galego no impulso da Lei Paz Andrade de apoio á lusofonía dentro de Galicia, que foi aprobada polo Parlamento para ficar abandonada, limitando a “testemuñal” a presenza do ensino en portugués dentro de Galicia.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar