O fracaso das políticas de emprego da Xunta provocan "frustración, desesperanza e diáspora" na mocidade

O fracaso das políticas de emprego da Xunta provocan "frustración, desesperanza e diáspora" na mocidade

O fracaso das políticas de emprego da Xunta provocan “frustración, desesperanza e diáspora” na mocidade

A portavoz de Emprego do Grupo Socialista, Noela Blanco, criticou hoxe o “desleixo” e o “fracaso” das políticas de emprego da Xunta dirixidas á mocidade. No debate dunha interpelación no Pleno celebrado hoxe, Blanco dixo que a xestión do goberno galego aboca á mocidade á “frustración, desesperanza e diáspora”.

A responsable socialista criticou que o goberno galego teña reducido un 28 por cento os orzamentos de promoción do emprego dirixidos á mocidade con relación aos que había consignados en 2009. Ademais, dixo, a meses do remate do Plan de Garantía Xuvenil 2014-2017, o goberno galego só puido investir 5 dos 39 millóns de euros que tiña dispoñible, apenas un 12,8 por cento.

Dixo que “nin é xusto nin podemos permitir” que as políticas do goberno galego “deixen sen oportunidades a máis dunha xeración completa”, aos que lles enchen o camiño de “fochancas nas que a miúdo tropeza o seu proxecto de vida” con contratos que no mellor dos casos apenas chegan aos seis meses.

Sinalou que o fracaso das políticas do goberno galego provocan que “hoxe haxa 85.000 mozos e mozas de entre 16 e 29 anos ocupados menos que no ano 2009”, e que cando traballan teñen que facelo co terceiro salario máis baixo de todo o Estado. Explicou que “un 65 por cento teñen contratos que non chegan a unha semana de duración” e están condenados a “levar unha vida de adolescentes cando xa son adultos”.

Explicou que Galicia ten “a taxa de emancipación máis baixa de toda España, tan só por detrás de Canarias”, no que, engadiu, “seguro que algo terá que ver que un mozo galego debera destinar o 53 por cento do seu salario ao aluguer ou á hipoteca dunha vivenda”. Así o determina o observatorio de emancipación do Consello da Xuventude de España, que revela “datos dramáticos” da realidade da mocidade.

Alertou de que “os que tiran a toalla, os que se cansan de levantarse cada mañá para enviar currículos por internet ou deambular por empresas case mendigando un posto de traballo, deciden marchar”.

Explicou que “é certo que agora volven máis dos que saen, pero son aqueles con escasa formación” que regresan logo do estoupido da burbulla inmobiliaria ou “os que volven porque as condicións impostas noutros países rozan a escravitude”.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar