O desleixo de Feijóo provoca inseguridade xurídica aos enfermeiros e enfermeiras

O desleixo de Feijóo provoca inseguridade xurídica aos enfermeiros e enfermeiras

Acuña colectivos enfermeríaA portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Carmen Acuña, denunciou hoxe o desleixo de Feijóo e a Consellería de Sanidade fronte á aplicación do Real Decreto de Prescrición Enfermeira, aprobado o pasado 24 de decembro e que entrou en vigor malia ter sido recorrido nos tribunais. Así o dixo logo dunha xuntanza con representantes do Colexio de Enfermeiros de A Coruña, os sindicatos de enfermería (SATSE, CSIG, UGT, CC.OO. e CIG) e o colectivo Prosegal.

Advertiu que o “desinterese e abandono” do goberno galego a este colectivo está a provocar unha importante inseguridade xurídica nuns traballadores sometidos a unhas instrucións que na práctica sanitaria estanse incumprindo. Reclamoulle por iso á Xunta que exerza as súas competencias en materia sanitaria e ofreza unhas pautas de actuación e aplicación do decreto para ofrecer amparo aos profesionais da enfermería.

Acuña sinalou que esta norma, ademais de cuestionar o papel como coidador do enfermeiro ou enfermeira, na realidade retíralle calquera autonomía á hora de subministrar a medicación prescrita polo médico.

Tal e como está redactado, sinala a responsable socialista, “obrigaría a ter aos médicos cruzados de brazos observando cómo os enfermeiros subministran a medicación e mesmo agardando ata comprobar os efectos da mesma”. A día de hoxe, sinala, os profesionais da sanidade non poden cumprir estes requisitos, o que deixa aos enfermeiros desamparados diante de calquera posible situación adversa.

Considera “totalmente irresponsable” a decisión do goberno galego de “facer un novo abandono das súas funcións” deixando aos profesionais “ao albur dunha normativa imposible” en lugar de “explicar as consecuencias reais da aplicación do decreto, ditar a forma de actuar dos profesionais e aclarar a súa responsabilidade civil”.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar