O debate do Estado da Autonomía evidenciará outra lexislatura "estéril" de Feijóo

O debate do Estado da Autonomía evidenciará outra lexislatura "estéril" de Feijóo

O debate do Estado da Autonomía evidenciará outra lexislatura "estéril" de Feijóo

O portavoz do Grupo Socialista, José Luis Méndez Romeu, fixo hoxe balance do novo curso político co debate do Estado da Autonomía no horizonte. Nunha comparecencia ante os medios de comunicación xunto coa viceportavoz do Grupo, Carmen Gallego, sinalou que a próxima cita permitirá facer balance dunha nova lexislatura de Feijóo, que afronta a súa recta final cun resultado “estéril” na súa acción de goberno.

O responsable socialista centrouse en radiografiar a situación económica de Galicia, lastrada pola baixa execución orzamentaria, a precarización do emprego e a parálise económica. Mentres, Carmen Gallego, tamén portavoz de Políticas Sociais, analizaba polo miúdo o proceso de desmantelamento dos servizos sociais encetado polo goberno de Feijóo.

Méndez Romeu advertiu que a “laxitude total” do goberno galego provoca o “incremento notable da asimetría” económica entre Galicia e o resto do Estado, con cifras de PIB “diverxentes”, moi por debaixo da media de España. Lonxe de mellorar, a diferenza aumenta, situando á economía galega nunha “senda preocupante”, contraria ás recomendacións de Abanca, que sinala que para acadar un paro por debaixo do 10 por cento, precísase un crecemento sostido do PIB dun 16 por cento sobre a tendencia actual.

Galicia ve cómo a poboación activa desaparece vítima da emigración e do desemprego, creando un país “cada vez mais dependente, subordinado das transferencias pola vía das pensións e axudas sociais” e o paro “cronifícase”. Lembrou que mais do 50 por cento dos parados de longa duración carecen de axudas, e o 90 por cento dos novos postos de traballo son temporais.

Demandou do goberno galego “unha resposta” diante das necesidades dos principais sectores económicos de Galicia, e que dea conta da desaparición dunha terceira parte do sector agrario e do 25 por cento do sector industrial dende a súa chegada en 2009.

Criticou que Feijóo teña desprezado aos principais instrumentos de acción económica do seu goberno, desmantelando o Igape e deixando á Consellería de Territorio e infraestruturas en situación crítica, logo de ter sido durante décadas o departamento mais dinámico. A paralización da Lei do Solo, a insostibilidade de Sogama, os problemas de saneamento ou a ausencia absoluta de vivenda público evidencian a súa situación.

Política Social

A portavoz de Políticas Sociais do Grupo Socialista, Carmen Gallego, puxo sobre a mesa as “graves carencias” logo de seis anos de goberno, 9 de cada 10 galegos sen cobertura da renda básica, o 30 por cento sen ingresos nin prestacións, o salario reduciuse un 13 por cento, un de cada cinco galegos e galegas cobran menos de 375 euros mensuais, a metade do salario mínimo.

Grazas á xestión de Feijóo, dixo, Galicia ten hoxe 159.000 ocupados menos, a creación de emprego sitúase nun 4 por cento, menos da metade do 10 por cento estatal e unha “precarización laboral brutal” e utilizando aos funcionarios “como mercadoría electoral”. Feijóo, dixo, continúa paralelamente co desmantelamento e privatización dos servizos sociais, coa educación e a sanidade como punta de lanza da súa política neoliberal.

Así, mentres os “copagos e repagos” na sanidade pública “aumentan a fenda da desigualdade”, o Hospital de Vigo será cedido a unha empresa privada durante os próximos 20 anos a pesares dos 1.500 millóns de euros que suporá para os orzamentos públicos e “sen dar unha soa cama mais” e situando a Vigo como “o único territorio de Galicia cun hospital de referencia privado”.

Nova web

José Luis Méndez Romeu e Carmen Gallego presentaron hoxe a nova web propia do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, na dirección http://gps.gal, enlazada na web oficial do Parlamento de Galicia, co obxectivo de “establecer e mellorar lazos coa cidadanía”.

O portavoz socialista salientou que a web busca impulsar o “feedback necesario” para a mellora da acción política incluíndo información sobre a actividade diaria, a axenda da presenza dos representantes políticos dos socialistas galegos e garantindo o contacto directo coa cidadanía.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar