O Consello de Contas certifica o "bluf" do plan de redución de "chiringuitos" da Xunta

O Consello de Contas certifica o "bluf" do plan de redución de "chiringuitos" da Xunta

O Consello de Contas certifica o “bluf” do plan de redución de “chiringuitos” da Xunta

O portavoz do Grupo Socialista na Comisión do Consello de Contas, Juan Díaz Villoslada, dixo hoxe que o ente vén de certificar o “bluf do cacareado plan de redución de chiringuitos”. Así o dixo na comparecencia do conselleiro maior hoxe no Parlamento para dar conta da Memoria de 2015 e os últimos informes de fiscalización do sector público.

O responsable socialista sinala que o órgano fiscalizador vén de certificar que a redución foi “máis nominal que real”, limitándose ao 1 por cento dos fondos e que pon de manifesto o “carácter propagandístico” destas medidas. Sinala que o tamaño do sector instrumental “non decreceu” debido á creación de axencias que “pasaron a xestionar descentralizadamente políticas que eran desenvolvidas polas consellerías.

A Xunta deixou en mans destas entidades, por exemplo, a xestión tributaria, as infraestruturas ou a innovación e modernización tecnolóxica, convertendo o plan de racionalización en papel mollado.

Sinalou que o informe sobre a conta xeral correspondente ao ano 2014 evidencia que a Xunta utiliza de forma abusiva o programa de “Imprevistos e funcións non clasificadas” “para realizar transferencias de crédito superando os límites legais para transferencias directas” e reclamou “maior control parlamentario” sobre estas partidas.

Díaz Villoslada advertiu que, segundo o Consello de Contas, o goberno de Feijóo continúa coa súa práctica de trasladar créditos sen xustificación a cargo dos orzamentos dos anos seguintes, neste caso 617 millóns de euros.

Advertiu do abuso da enxeñería financeira para disimular gastos, facendo por exemplo que o Fondo de Continxencia, “lonxe de servir para a atención de gastos imprevistos e non discrecionais, constitúa unha ferramenta para cubrir gastos deficientemente orzamentados”.

Alertou do alto número de entidades que continúan sen render contas, como é o caso de Augas de Galicia, ou de ata 13 fundacións públicas, que “tampouco renderon contas”, mentres “o Sergas, a Agasp e con carácter xeral os organismos autónomos non aportan estados financeiros conforme ao Plan Xeral de Contabilidade Pública de Galicia”, ofrecendo información “insuficiente”.

Dixo que a Consellería de Sanidade é a que presenta as porcentaxes de execución de fondos europeos máis baixas de todo o goberno galego, e reclamou unha “mellora da información contable do gasto farmacéutico”.

Corrupción

Díaz Villoslada aludiu ademais ás novas competencias do Consello de Contas en materia de loita contra a corrupción, que foron incorporadas ao Plan Anual de Traballo previsto para 2017. Neste sentido reclama a presentación diferenciada deste plan, “aínda que se integre na memoria anual xeral”.

Propuxo ademais a articulación de mecanismos de cooperación coa Fiscalía Superior de Galicia, a avaliación específica de medidas antifraude na contratación pública autonómica e a instrumentación de mecanismos que promovan a denuncia de prácticas corruptas e de protección das persoas denunciantes.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar