O conselleiro de Educación é quen debe desculparse logo de seis anos de ataques consecutivos, sistemáticos e planificados contra o ensino, a cultura e a lingua galegas

O conselleiro de Educación é quen debe desculparse logo de seis anos de ataques consecutivos, sistemáticos e planificados contra o ensino, a cultura e a lingua galegas

O conselleiro de Educación é quen debe desculparse logo de seis anos de ataques consecutivos, sistemáticos e planificados contra o ensino, a cultura e a lingua galegas

Vicente DocasarO portavoz de Educación do Grupo Socialista, Vicente Docasar, esixiulle ao conselleiro de Educación “desculpas públicas” logo de ter encetado seis anos de “ataques consecutivos, planificados e sistemáticos contra o ensino público, a cultura e a lingua de Galicia”. Así o dixo no debate dunha pregunta oral para impulsar o Camiño de Inverno, hoxe na Comisión de Cultura do Parlamento.

O responsable socialista respondeulle ao responsable de Educación logo de que a comezo desta semana lles reclamara desculpas a sindicatos e partidos políticos logo dunha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Docasar amosou a súa “sorpresa” e “incredulidade” polo repentino “ataque de dignidade” do conselleiro logo de “ter sido o gran recortador do ensino público galego nos últimos seis anos”.

Docasar lembrou que o conselleiro “pasará á historia de Galicia por ter recortado preto de 400 millóns de euros na educación pública” ao tempo que eliminaba a lo menos 2.200 prazas de profesores en catro anos e deterioraba as condicións laborais e salariais os profesionais do ensino. Tampouco pediu perdón, dixo, “por asfixiar economicamente ás tres universidades públicas de Galicia nos últimos seis anos”.

Camiño de Inverno

Vicente Docasar fixo estas declaracións no debate dunha pregunta oral presentada na Comisión de Cultura para reclamarlle ao goberno galego que dera cumprimento ao acordo aprobado na Cámara autonómica no mes de febreiro de 2013 para que o goberno recoñeza e sinalice o denominado Camiño de Inverno. Advertiu que a proposta ten sido ignorada polo goberno galego logo de ser aprobada ata en tres ocasións polo Parlamento.

Docasar lamentou que o goberno galego teña respondido hoxe –por boca do secretario xeral de Cultura- evitando incluír de novo ningún tipo de prazo para o recoñecemento oficial deste Camiño de Inverno, malia que o acordo aprobado a comezos de 2013 falaba de seis meses.

Criticou a “falla de seriedade” demostrada polos responsables da Consellería, que está a ignorar un importante elemento dinamizador dos sectores turístico e cultural dun total de 15 concellos galegos. O Camiño de Inverno ofrece unha alternativa ao Camiño de Santiago para as épocas de neves a través do Bierzo, Valdeorras, a Ribeira Sacra luguesa e o Deza, unindo Ponferrada e Lalín, onde enlaza coa Vía da Prata.

Lamentou que o goberno galego teña renunciado sistematicamente a seguir o camiño trazado pola Deputación de Lugo ou a Asociación de Camiños de Inverno pola Ribeira Sacra, á hora de recuperar e impulsar esta ruta.

Explicou que esta “pode servir como importante revulsivo económico para os concellos polos que pasa a Ruta Xacobea, algo vital para unha zona deprimida economicamente e con poucas posibilidades de desenvolvemento”.

O Camiño de Inverno, explicou, transcorre polos concellos de O Barco, Vilamartín, Petín e A Rúa, en Valdeorras, Quiroga, Ribas de Sil, Pobra do Brollón, Bóveda, Monforte de Lemos, Pantón, Sober, O Saviñao e Chantada, na Ribeira Sacra luguesa, e Rodeiro e Lalín, xa no Deza.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar