O Congreso aprobou a Lei de Residuos e Chans Contaminados, da que foi relatora Margarita Pérez Herraiz

O Congreso aprobou a Lei de Residuos e Chans Contaminados, da que foi relatora Margarita Pérez Herraiz

O Congreso aprobou a Lei de Residuos e Chans Contaminados, da que foi relatora Margarita Pérez Herraiz

A aprobación desta Lei produciuse na Comisión de Medio Ambiente, con competencia lexislativa plena, polo que a Lei pasará agora ao Senado.

A coordinadora dos socialistas galegos nas Cortes, Margarita Pérez Herraiz -relatora da Lei- explica que “trátase da transposición da Directiva da UE que establece o marco xurídico para a xestión de residuos, proporciona instrumentos para disociar crecemento económico e produción de residuos, e fai fincapé na prevención; con obxecto de simplificar e modernizar a actual Lei de Residuos de España”.

Para iso, apunta que “abórdase a aplicación dunha política de prevención máis ambiciosa e eficaz, e promóvese a reutilización e a reciclaxe”.

Así, a Lei establece que o Goberno impulsará a creación dun centro de investigación sobre a prevención e a xestión de residuos. Ademais prevese a elaboración no prazo dun ano dun Proxecto de Lei, previa consulta coas CCAA e Entidades Locais, sobre sistemas de compensación e intercambio de cotas de emisión de gases de efecto invernadoiro asociadas ao sector residuos entre administracións. Así mesmo, o Goberno publicará unha lista de actividades potencialmente contaminantes de chans e as CC.AA declararán os chans contaminados e elaborarán un inventario dos mesmos a partir dos que se elaborará o inventario estatal.

Herraiz incide en que “a Lei ten tamén como obxectivo aclarar as competencias das distintas Autoridades Administrativas que interveñen en materia de residuos, e mellorar a regulación dos residuos municipais”. “A ordenación das competencias -sostén- é moi positiva para que o funcionamento da norma sexa máis eficaz”. A este fin, sinala que se creará unha Comisión de coordinación en materia de residuos como órgano de cooperación técnica e colaboración entre administracións e coa posibilidade de que a sociedade participe en grupos de traballo.

Ademais, a Lei establece unha xerarquía de residuos na seguinte orde: prevención, preparación para reutilización, reciclado, outro tipo de valorizacións e eliminación.

Respecto das medidas para a prevención, a deputada resalta: a obrigación de reducir residuos perigosos, a redución de bolsas de plástico dun só uso e non biodegradables chegando á súa supresión en 2018, a promoción de sistemas de certificación forestal, a substitución de produtos dun só uso cando existan produtos reutilizables alternativos, e evitar o desperdicio de alimentos.

En canto á reutilización e reciclaxe, apunta medidas como: promoverase nos contratos públicos a compra de produtos reutilizables e facilmente reciclables, antes de 2015 realizarase recollida separada de papel, metais, plástico e vidro, establecerase unha rede de instalacións de eliminación e valorización cun alto nivel de eficiencia enerxética, e antes de 2020 a cantidade de residuos domésticos e comerciais destinados a reutilización e/ou reciclaxe deberá alcanzar como mínimo o 50% en peso.

Para Herraiz “esta Lei contribúe a avanzar na diminución da xeración de residuos e nunha mellor xestión dos residuos, e iso repercute favorablemente nun menor gasto de materias primas, nunha menor repercusión dos residuos sobre a saúde e nun menor impacto sobre o cambio climático”.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar