O Congreso aproba o Proxecto de Lei de Titularidade Compartida das explotacións agrarias

O Congreso aproba o Proxecto de Lei de Titularidade Compartida das explotacións agrarias

O Congreso aproba o Proxecto de Lei de Titularidade Compartida das explotacións agrarias

O Pleno do Congreso aprobou o Proxecto de Lei de Titularidade Compartida das explotacións agrarias, que permitirá ás mulleres figurar como copropietarias e traballadoras das explotacións agrarias familiares.

Coa aprobación deste Proxecto de Lei dáse cumprimento ao mandato recolleito na Lei de igualdade efectiva entre mulleres e homes -promovida polo Goberno de Zapatero e aprobada no Congreso co apoio de todos os grupos parlamentarios, menos o do partido popular- de promover e desenvolver a figura de titularidade compartida ao obxecto de solventar a situación de vulnerabilidade en que se atopan as mulleres do mundo rural.

A deputada socialista viguesa Marta Estrada, ponente socialista deste Proxecto Lei e portavoz durante o seu debate e aprobación tanto en Comisión como no Pleno, sinalou durante a súa intervención que “as explotacións agrarias son maioritariamente de tipo familiar, onde a muller traballa moitas horas compartindo co home as tarefas agrarias e nas que con todo o seu traballo non é recoñecido como tal senón como unha axuda doméstica”.

“Esta desvalorización do seu traballo nas explotacións agrarias non só conduce á frustración das mulleres do rural senón que leva a ausencia de dereitos adquiridos polo seu traballo, da protección da seguridade social e dunha remuneración económica; e iso non se pode permitir”.

Por iso, sostivo que “é necesario pór en marcha instrumentos xurídicos que cambien esta situación; debemos realizar medidas de acción positiva encamiñadas a impulsar o cambio na situación sociolóxica actual no mundo rural e isto é xustamente o que se pretende con esta Lei”

Así, apuntou que “con esta Lei faise visible o traballo das mulleres do rural e garántense os seus dereitos, corrixindo unha realidade histórica: a masculinización do mundo rural”.

Deste xeito, explicou que “a Lei protexe economicamente ás persoas casadas ou unidas por análoga relación de afectividad, que colaborando de maneira regular na explotación agraria non recibisen ningún pago ou contraprestación por iso”. Ademais, amplía as actividades a considerar traballo profesional agrario, o que a xuízo de Estrada de “é unha das vías mellores para desenvolver e optimizar a figura de titularidade compartida”; desenvolve dita figura vinculada a unha maior protección da Seguridade Social; establece que as explotacións de titularidade compartida serán prioritarias ao cumprir determinados requisitos; e regula a posibilidade de creación dunha sociedade de responsabilidade limitada.

A portavoz socialista agradeceu ás organizacións de mulleres do sector agrario, así como aos diferentes grupos parlamentarios, “as súas achegas para o desenvolvemento desta Lei, que terá consecuencias positivas non só para as mulleres do mundo rural senón tamén para toda a sociedade rural”

Para finalizar a súa intervención, Estrada mantivo que “como muller e cidadá que cre na igualdade de dereitos, considero que con esta lei avánzase no bo camiño; pero debemos de ter presente que queda moito camiño por percorrer, queda moito por facer e nese camiñar, nesa loita atoparémonos sempre os socialistas; na loita pola igualdade de dereitos”

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar