O borrador da lei de Caza é confuso, defectuoso e vulnera leis en vigor

O borrador da lei de Caza é confuso, defectuoso e vulnera leis en vigor

O borrador da lei de Caza é confuso, defectuoso e vulnera leis en vigor

A portavoz de Medio Ambiente do Grupo Socialista, Patricia Vilán, cualificou o borrador do proxecto de Lei de Caza elaborado pola Xunta para o seu trámite parlamentario como “tremendamente defectuoso” e “conscientemente confuso”. A parlamentaria explicou tamén en rolda de prensa que o texto lexislativo choca e “vulnera leis en vigor”.

Unha lei que “debera contar co consenso necesario, nace xa con polémica”, explicou Vilán. Detecta a socialista que os erros van máis alá do anecdótico a nivel gramatical. “Non se trata de que confunda que nas especies se fai distinción por xénero e non sexo, como recolle o borrador, ou que se fale de revisión periódicas sen especificar a devandita periodicidade”, apuntou, “hai erros de contido”.

Para a socialista, é “difícil de compatibilizar” dereitos que recoñece a lei con, por exemplo, o dereito á propiedade recollido no art. 33 da Constitución. Tamén vulnera a lei de Igualdade do 2007, que esixe e regula unha composición “equilibrada” de determinados órganos nunha relación porcentual do 60-40, para ambos sexos. A lei de Caza que pretende aprobar o Executivo galego (art. 77 e 78), no relativo a órganos de colaboración e consultivos, di que “procurarase” acadar unha relación equilibrada entre mulleres e homes.

A lectura do proxecto de lei de Caza leva á portavoz de Medio Ambiente a tirar a conclusión de que resulta “conscientemente confuso”. Patricia Vilán salientou a mestura ao longo do documento das figuras do propietario da finca e do que ostenta os dereitos de caza. A coincidencia de ambos dereitos na mesma persoa é máis propio do latifundismo de zonas como Andalucía que do minifundismo predominante en Galicia.

Sospeitan os socialistas que se pode tratar dunha copia de textos doutras comunidades nun intento do PP por evolucionar a actividade cinexética da caza menor, predominante no país, cara a caza maior. Vilán denuncia que, de ser así, Galicia pasaría dunha caza que salienta polo seu valor como “elemento de cohesión social” a unha caza maior “que pasa a ser unha cousa moi diferente”, dixo en alusión ás fortes cifras económicas que se manexan nesta segunda modalidade.

De feito o propio Presidente da Xunta fixo referencia á importancia económica da caza no anuncio do proxecto lexislativo, recordou Vilán. A portavoz socialista non comparte con Feijóo que a lei de Caza vaia mellorar, precisar e clarexar o réxime sancionador actual. Sorprende tamén á deputada socialista que “o mesmo que pecha escolas no rural, se atreva a destacar a labor dinamizadora da caza”. Vilán, sen negar a influencia na dinamización do medio rural da actividade cinexética esixiu ao Presidente galego “un Plan de Ordenación do Territorio serio”.

Tampouco coincide co titular do Executivo en que resolva o problema da responsabilidade polos danos das pezas sobre os campos ou ao atravesar as calzadas, xa que o texto remite á futura lexislación de Tráfico. Neste sentido a portavoz socialista reclama “maior coordinación” da Xunta co Goberno.

Patricia Vilán reclama do borrador da Xunta “maior participación” dos propietarios das fincas, incluídos os montes veciñais e en man común, dos agricultores e gandeiros ou dos investigadores. Colectivos todos eles implicados tamén na actividade cinexética e no entorno onde se desenvolve e que “non foron consultados”, denuncia a deputada socialista que achaca ao texto falta de “consenso”.

Contar con estes colectivos favorecería tamén outra das eivas detectadas polos socialistas e deixaría sen sentido as escusas para non cumprir coa lei de Igualdade nos órganos como o Comité galego e os comités provinciais de caza, onde a ausencia da muller se xustifica no escaso número de licencias.

Patricia Vilán chamou a atención sobre o confuso que resulta o texto en relación á prórroga dos dereitos cinexéticos, que podería ser para sempre se o propietario non os reclama para si. Este feito estaría vinculado ao futuro aproveitamento por uns poucos dun dereito que agora é moito máis colectivo, apunta a deputada socialista, que tamén botou de menos que o borrador lexislativo non detalle a necesaria presentación do acordo en asemblea para xustificar a cesión de dereitos no caso de montes veciñais e en man común.

A portavoz de Medio Ambiente espera que algunhas destas eivas do borrador se pulan antes de iniciar o seu trámite na Cámara galega. A polémica que ten rodeado esta lei se evidencia no feito en que comezou a elaborarse en 2011 e a día de hoxe, recorda Vilán, “xa non queda na consellería ningún dos pais do proxecto de lei”, que ben cesaron ou ben dimitiron.

32641281A

Deixar a resposta

Pechar