O 23 por cento das augas de Galicia, en mal estado

O 23 por cento das augas de Galicia, en mal estado

O 23 por cento das augas de Galicia, en mal estado

O deputado socialista Xosé Sánchez Bugallo cualificou de “barbaridade” os niveis de contaminación detectados nas rías galegas debido ao deficiente tratamento das augas residuais. Así o dixo no debate dunha interpelación no que sinalou que a Xunta leva 11 anos de retraso no cumprimento da directiva comunitaria que obrigaba a depurar o cen por cento das augas residuais producidas nos núcleos de máis de 2.000 habitantes antes do 31 de decembro de 2005.

O deputado socialista sinalou que, de acordo cos datos do goberno galego, o 77 por cento das augas están en bo estado, “o que significa que o 23 por cento das augas aínda están en malas condicións, unha cifra que segue a ser enorme”. Ademais, de acordo coa resposta do goberno galego hai 8.600 puntos de vertido inventariados e sen resolver a súa depuración.

Sánchez Bugallo sinalou ademais as contradicións nos datos ofrecidos polo goberno galego relativos á porcentaxe das estacións depuradoras en funcionamento nas localidades de máis de 2.000 e de máis de 15.000 habitantes, con variacións de dez puntos entre as cifras ofrecidas por escrito polo goberno galego e nas que presentou hoxe a conselleira no Pleno do Parlamento.

Continuou agradecéndolle á conselleira que recoñeza que descoñece o volume de augas residuais depuradas, en contra do que aseguraba a Consellería de Facenda, que no Plan Estratéxico 2015-2020 falaba dunha cifra concreta do 85,27 por cento, “o que en todo caso suporía que o 15 por cento das augas residuais supostamente tratadas eran vertidas sen depurar”.

Praias

O deputado socialista advertiu ademais da elevada taxa de praias declaradas como non axeitadas para o baño só na Comunidade Autónoma de Galicia por parte da Axencia Europea do Medio Ambiente. Dun total de 67 praias declaradas non axeitadas en todo o Estado, Galicia conta con 41, o que significa que “de cada tres praias de España, dúas atópanse na nosa Comunidade Autónoma”, unha cifra equivalente a máis do 10 por cento do total de Europa.

Sinalou a grave situación da Ría de Ferrol, con graves taxas de contaminación por metais pesados, a Ría de O Burgo, os graves problemas da Ría de Arousa, ou a situación da Ría de Pontevedra, co que, dixo, “a pesares de que teñan investido 1.000 millóns de euros e teñan realizado as 350 actuacións que vostede anuncia, estamos moi lonxe de acadar os resultados mínimos esixibles”.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar