Novo veto do PP contra as emendas do PSdeG aos orzamentos

Novo veto do PP contra as emendas do PSdeG aos orzamentos

Novo veto do PP contra as emendas do PSdeG aos orzamentos

PlenoO portavoz de Facenda do Grupo Socialista, Juan Carlos González Santín, advertiu hoxe do novo veto do PP ás emendas socialistas aos orzamentos, destinadas a mellorar os servizos públicos e incrementar a transparencia e a loita contra a corrupción. Así o dixo no debate dos Orzamentos da Xunta para 2015 que comezou hoxe no Pleno do Parlamento.

Lembrou que os socialistas presentaron 46 emendas ao articulado e outras 593 ao estado de gastos. O PP non aprobou unha soa destas emendas no debate en Comisión, agás unha transacción para acadar un “mal menor” na redución dos horarios do persoal de extinción de incendios –o PP quería reducir o descanso de dous días a 1,5 durante todo o ano, a transacción cos socialistas permitiu manter dous días en época de alto risco-.

O responsable socialista lamentou que Feijóo persista coa súa obsesión con suprimir o déficit público mentres dispara a débeda pública, que acadará os 10.500 millóns de euros en 2015 “sen que saibamos para qué”. Sinalou que o goberno galego incrementou un 170 por cento a débeda pública –case o tripla- con respecto a 2008, e explicou pasou de supor o 6,8 por cento ata o 18,2 por cento do PIB.

González Santín criticou o escurantismo da Xunta, que ademais de negarse sistematicamente a entregarlle datos á Cámara, leva un ano incumprindo a Lei de Orzamentos de 2014, que grazas a unha emenda socialista obrigaba a facer públicos a tódolos asesores. Os orzamentos evidencian que os custes e os cargos recoñecidos “non corresponden”, senón que “hai moitos mais” agochados polo Goberno galego.

O Grupo Socialista incluíu unha serie de propostas para loitar contra a corrupción que inclúen habilitar a transferencia de 3 millóns adicionais ao Consello de Contas para financiar un plan especial contra a corrupción. O responsable socialista explicou que esta iniciativa supón incrementar un 50 por cento o orzamento deste ente e responde á solicitude de máis medios feita no Parlamento polo seu presidente.

Ademais, reclamou que tódolos altos cargos do goberno galego fagan pública a súa declaración de patrimonio no Diario Oficial de Galicia. Demandou que os cargos que tamén sexan funcionarios deixen de percibir complementos persoais, que en realidade supoñen un “sobresoldo que non pode ser incluído”, e esixiu que deixen de percibir retribucións pola pertenza a consellos de administración en virtude do seu cargo.

González Santín presentou unha batería de emenda dirixidas a mellorar o control da xestión de diñeiro público, incluíndo a obriga de que a Xunta inspeccione sobre o terreo as obras subvencionadas, tamén cando inclúan fondos da UE. O obxectivo é verificar que a actuación se ten realizado e evitar o desvío de fondos públicos.

Ao tempo, reclamou que a Xunta facilite o acceso da cidadanía a subvencións públicas reducindo os trámites administrativos. Tamén reclama que informe ao Parlamento dos contratos concedidos polo goberno galego que superen os 3.000 euros de contía, incluíndo o obxecto, procedemento e importe da adxudicación, e o incremento do control de gastos en publicidade e propaganda, que serán comunicados á Cámara.

Mellora dos servizos públicos

Os socialistas presentaron tamén unha serie de emendas dirixidas a mellorar os servizos públicos prestados pola Xunta, como a obriga de resolver as solicitudes de Renda de Integración Social si incumpre o prazo de dous meses, incluíndo os mesmos intereses de demora que o goberno aplica aos impagos.

González Santín solicitou eliminación da taxa de reposición de funcionarios, e que fronte á taxa “innecesaria” do 50 por cento, obrigando a que por cada dúas xubilacións só se contrate a un novo funcionario, a Xunta debe aplicar “un mínimo dun cen por cen”.

Ademais, reclamou que o goberno galego repoña o cen por cen das prazas de persoal das universidades, profesionais sanitarios, inspectores ou traballadores de loita contra incendios, logo de cinco anos nos que chegou a repoñer tan só o dez por cento das xubilacións, prexudicando notablemente a calidade dos servizos públicos de Galicia.

No caso concreto das universidades, dixo que estas deben poder decidir substitucións e interinaxes de profesores cando non supoñan incremento orzamentario. Ademais, solciitou que as partidas para bolsas de estudos sexan consideradas créditos ampliables, permitindo o seu aumento en función das necesidades educativas, e a eliminación da taxa de reposición de funcionarios.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar