Novo veto do PP á comparecencia de Feijóo para dar conta das viaxes institucionais

Novo veto do PP á comparecencia de Feijóo para dar conta das viaxes institucionais

Novo veto do PP á comparecencia de Feijóo para dar conta das viaxes institucionais

Carmen GallegoA viceportavoz do Grupo Socialista, Carmen Gallego, censurou hoxe o novo veto imposto polo PP á solicitude de comparecencia do presidente da Xunta. Os socialistas galegos reclamaban nesta ocasión que Feijóo dera conta dos resultados da súa nova viaxe a México, Perú e Colombia.

A responsable socialista subliñou a oportuna coincidencia desta viaxe institucional cos novos datos sobre a presunta trama de financiación ilegal do PP de Ourense, das novas imaxes e novos datos sobre a relación do actual presidente da Xunta co narcotraficante Marcial Dorado ou das acusacións “moi graves” contra o goberno galego por parte do principal imputado na Operación Zeta sobre presunto desvío ilegal de fondos ao PP.

Gallego criticou que o presidente da Xunta volva viaxar “sen axenda coñecida, sen medios de comunicación e sen render contas”, facendo ostentación da súa “indisimulada afición a saír fora cando aquí veñen mal dadas”. Lembrou a viaxe do presidente da Xunta a Xapón mentres en Galicia era imputada practicamente toda a corporación municipal do PP de Santiago.

Reclamoulle ao presidente da Xunta que siga o exemplo do seu antecesor, o socialista Touriño, que comparecía en persoa para dar conta dos resultados de todas e cada unha das viaxes institucionais que realizaba.

Ademais, puntualizou que o goberno galego non poderá eludir dar a cara sobre as supostas irregularidades que están a ser reveladas, por canto deberán responder a unha interpelación do Grupo Socialista para dar conta da situación do presunto desvío de fondos no seu partido en Ourense.

Reclamou ademais unha explicación sobre a relación de Feijóo con Marcial Dorado “mentres milleiros de galegos e galegos morían por causa das drogas” e o narcotraficante levaba cantidades inxentes de diñeiro a paraísos fiscais.

Tamén interpelarán ao goberno galego polo suposto pago de 3.000 euros ao mes como intermediario ao tamén amigo do presidente da Xunta Pachi Lucas, investigado dentro da Operación Zeta, sinalado polo principal imputado como nexo fundamental no intercambio de favores co goberno galego. Amosou a súa sorpresa polo feito de que “a día de hoxe ninguén dera explicacións públicas e ninguén o chamara a declarar”.

Educación

O PP tamén vetou a solicitude de comparecencia dos socialistas galegos ao novo conselleiro de Educación para dar conta da súa liña de actuación política e reclamarlle que rectifique nos recortes ao ensino e recupere o consenso en materia lingüística.

Malia esta negativa, os socialistas galegos presentarán unha interpelación sobre a situación da lingua galega e a perda imparable de falantes dende a chegada de Feijóo, que ameaza con devolver este idioma a ocupar un lugar marxinal.

O próximo Pleno incluirá unha moción sobre a situación dos 63 centros de saúde comprometidos por Feijóo dende 2009 e aínda sen construír, así como o cumprimento do Pacto Local para asumir a súa xestión e mantemento. Tamén será debatida unha moción sobre o desleixo do goberno galego diante da discriminación da flota galega no reparto de cotas e a súa pasividade fronte aos privilexios de outras comunidades autónomas.

Os socialistas galegos presentarán, a través dunha proposición non de Lei, un Plan de Emprego feminino dirixido a superar a fenda salarial entre xéneros. Lembrou que as mulleres cobran hoxe un 24 por cento menos que os homes, na terceira comunidade autónoma na que mais baixa a ocupación e tan só un de cada tres parados teñen prestación.

Explicou que as mulleres galegas dispoñen dun 11 por cento de cobertura menos que os homes, e que dende a chegada de Feijóo ao goberno galego o paro aumentou un 72 por cento e os fogares con tódolos seus membros desempregados incrementáronse un cen por cen.

A sesión de control ao presidente da Xunta centrarase sobre o grao de satisfacción da cidadanía en canto ás demandas de servizos públicos como sanidade, educación, servizos sociais ou emrpego. Tamén preguntarán sobre a discriminación con relación aos prezos dos hidrocarburos e a privatización do servizo de atención a discapacitados de Vigo, retirándollelo ao centro San Francisco para enviar aos pacientes ata Mos.

Participación cidadá

A responsable socialista dixo hoxe que a proposta de reforma da Lei de Iniciativa Lexislativa Popular presentada polo PP foi presentada como consecuencia da proposta de reforma do Regulamento plantexada polos socialistas galegos a semana pasada. Dixo que o PP “intenta introducir a reforma do Regulamento a través dunha nova Lei porque non poden ir a remolque dunha iniciativa socialista”.

A deputada socialista amosouse disposta a acoller calquera iniciativa dirixida a abrir o Parlamento á cidadanía, pero ironizou sobre o feito de que os populares queiran regular as proposicións e preguntas presentadas polos cidadáns.

Lembrou que os socialistas levan presentando propostas cidadás “dende sempre”, e citou por exemplo os dous casos particulares de dependentes desatendidos pola administración que Méndez Romeu lle plantexou a Feijóo na última sesión de control. Ademais, reclamou a participación dos colectivos cidadás na Comisión de Peticións do Parlamento ou nos debates en ponencia.

A responsable socialista reiterou hoxe a necesidade de modificar o Regulamento ou de acadar un acordo interpretativo por unanimidade dos partidos sobre o reparto de iniciativas parlamentarias, de actualidade logo da polémica provocada pola escisión de dúas deputadas do Grupo de AGE, integradas no Grupo Mixto, que alterou a distribución acordada a comezo da lexislatura.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar