Novo veto á comparecencia de Feijóo sobre desemprego

Novo veto á comparecencia de Feijóo sobre desemprego

Novo veto á comparecencia de Feijóo sobre desemprego

Méndez Romeu Estado Autonomía webO portavoz do Grupo Socialista, José Luis Méndez Romeu, denunciou hoxe un novo veto do PP á comparecencia de Feijóo polo aumento do desemprego coa escusa de incluír a comparecencia do vicepresidente para falar de cooperación transfronteiriza. Logo da Xunta de Portavoces do Parlamento advertiu que a día de hoxe Feijóo “non falou nin propuxo solución algunha” para crear emprego.

Lamentou que o presidente da Xunta continúe “como si nada” cando no último mes Galicia ten 7.000 desempregados mais, que suman 20.000 nos últimos 4 meses e 52.000 ocupados menos dende o comezo da lexislatura. Lamentou que tampouco aceptaran a comparecencia do conselleiro de Economía e Industria para explicar o nivel de execución “escandalosamente baixo” das partidas de impulso económico.

O responsable socialista advertiu que o presidente da Xunta tampouco comparecerá para dar conta da súa viaxe a Bruxelas, que “dano non fixo, pero tampouco serviu para nada”, xa que “non acadou un só euro mais do que xa era coñecido”. O resto da viaxe dedicouse, engadiu, “a obviedades” sobre a defensa da pesca do xeito, “cando é un problema xa encauzado e cunha posición activa do europarlamento e da Comisión”.

Sorprendentemente, engadiu, o presidente da Xunta “non se amosou interesado polo primeiro problema da pesca galega, que é o sistema de cotas que está a deixar á flota galega sen capacidade de actuación” en tódolos caladoiros.

O Pleno da próxima semana incluirá dúas mocións socialistas sobre a situación do mercado laboral e a reforma da Lei de Universidade, así como dúas proposicións non de Lei sobre o estado da sanidade de Ourense e os déficits das infraestruturas do Morrazo. Tamén serán debatidas dúas interpelacións sobre a situación da pesca e sobre os retrasos na construción de centros de saúde.

A pregunta ao presidente centrarase nas repercusións das políticas de Feijóo sobre a situación dos galegos e galegas, e as preguntas ao goberno tratarán sobre a desaparición do sistema de cota láctea e o incumprimento do goberno no seu compromiso de administrar a vacina contra a hepatite C.

Coches oficiais

O responsable socialista lamentou que o PP “teña constatado hoxe que hai dúas categorías de deputados: os que pertencen á maioría e contan con privilexios e os da minoría”.

Así o dixo logo de constatar o incumprimento do acordo suscitado pola propia presidenta do Parlamento para retirar o uso do parque móbil a tódolos membros da Mesa agás o da Presidencia. Méndez Romeu anunciou unha iniciativa socialista para forzar ao PP a “votar e dicir que si queren maiores privilexios para o seu grupo e o goberno que sustentan”.

Ademais, Méndez Romeu desmentiu hoxe a existencia de ningún tipo de acordo co PP para reducir o número de iniciativas parlamentarias que corresponden a AGE e BNG en beneficio do Grupo Mixto. Achacou as críticas contra os socialistas por parte do resto da oposición ao “comezo do período preelectoral dunha das formas mais tristes, como son as liortas entre a oposición”.

O responsable socialista lamentou a “falla de respecto á verdade” ao atacar aos socialistas logo dun “problema derivado da crise interna e a escisión dun grupo parlamentario”, que ademais “pon como modelo o goberno de Grecia, que pacta coa dereita homófoba, xenófoba e reaccionaria”. Reclamou “control” a quen “en ocasións é o noso socio de goberno, así como o é do PP”.

O portavoz socialista explicou a súa posición favorable a “calquera solución de transición que respecte a proporcionalidade” para a distribución das iniciativas parlamentarias, ata o momento en que sexa posible que os grupos acorden unha distribución diferente ou se acade unha reforma do Regulamento que contemple ao Grupo Mixto”.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar