Novo "socavón" provocado pola Lei do Solo coa desaparición das normas subsidiarias

Novo "socavón" provocado pola Lei do Solo coa desaparición das normas subsidiarias

Novo “socavón” provocado pola Lei do Solo coa desaparición das normas subsidiarias

O responsable da Área de Territorio do Grupo Socialista, Xosé Sánchez Bugallo, alertou do “socavón” provocado pola nova Lei do Solo de Galicia ao non mencionar as normas subsidiarias que rexen o urbanismo de 155 concellos de Galicia, 105 deles de menos de 5.000 habitantes. Así o dixo nunha pregunta oral na sesión de control ao goberno galego no Pleno do Parlamento de hoxe.

O responsable socialista reclamou a comparecencia urxente en Comisión parlamentaria da directora xeral de Urbanismo para presentar as solucións do goberno galego a este problema provocado pola súa Lei do Solo que, dixo, “ten mais buratos que un queixo de gruyere”.

Fixo referencia así aos problemas xurdidos cos proxectos urxentes de interese xeral e iniciativa pública que obrigaron a unha modificación puntual, así como ao relativo ás explotacións agrarias en solo de núcleo rural, a partir do día 20 quedarán fora de ordenación.

Sánchez Bugallo advertiu que nin o Regulamento nin a Lei mencionan as normas subsidiarias, mentres a documentación anexa á norma asinada pola secretaria xeral de Urbanismo advirte que “considérase que non contan con planeamento os –concellos- que unicamente teñan delimitación de solo urbano e se rexan polas normas subsidiarias provinciais”.

Ademais, de acordo co establecido na Disposición Transitoria 1ª, apartado 4, nos municipios sen planeamento unicamente poderá edificarse en terreos declarados como solo urbano consolidado. Explicou que esta medida suporía que nestes concellos “non se podería abrir ningunha explotación agraria nin ampliar as existentes”.

Advertiu que, con esta normativa, 58 concellos rexidos polas normas subsidiarias provinciais “quedan sen ningunha normativa urbanística aplicable”. A nova Lei do Solo, explicou, entende que as normas subsidiarias serán substituídas por figuras como o Plan Básico Autonómico ou os plans básicos municipais, pero “non hai nin previsión temporal nin financiamento nos orzamentos para a súa elaboración en 2016”.

Esixiulle ao goberno galego que explique “qué pasa co urbanismo destes 155 concellos, 97 rexidos por normas subsidiarias municipais, e outros 58 -51 deles de menos de 5.000 habitantes- polas subsidiarias provinciais que ao noso entender a lo menos neste último caso están derrogadas”.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar