Novo sistema de financiamento para Galicia

Novo sistema de financiamento para Galicia

Novo sistema de financiamento para Galicia

O portavoz de Facenda do Grupo Socialista, Juan Carlos González Santín, reclamou hoxe un novo sistema de financiamento autonómico que garanta máis recursos para Galicia. Así o dixo no debate da toma en consideración dunha proposición de Lei do BNG para aprobar o concerto económico de Galicia.

Os socialistas apoiaron para permitir o debate e en liña co apoio a tódalas tomas en consideración das iniciativas da oposición, aínda estando en contra de aplicar en Galicia un sistema análogo a País Vasco e Navarra.

O portavoz socialista sinalou que o actual modelo de financiamento, que foi reformado por última vez en 2009, resulta “insuficiente para cubrir as necesidades de Galicia no que atinxe aos servizos básicos para a cidadanía, como a sanidade, a educación e os servizos sociais”. Advertiu da necesidade de que Galicia reciba máis recursos, e por iso solicitou un novo sistema de financiamento autonómico pero non un cambio de modelo.

Advertiu que nin o Estatuto nin a Constitución permiten a aplicación a Galicia dun concerto económico semellante ao País Vasco e Navarra, cun “difícil encaixe” no ordenamento xurídico. Ademais, explicou, resulta contraproducente para Galicia en termos económicos, xa que mentres Navarra ten un PIB de 28.494 euros por habitante e País Vasco de 30.115, o de Galicia apenas chega a 20.495.

Explicou que Navarra ten unha capacidade recadatoria un 39 por cento superior a Galicia e o País Vasco un 47 por cento, e ademais Galicia é actualmente a segunda Comunidade Autónoma máis beneficiada pola balanza fiscal, despois de Andalucía, cun superávit de 3.946 millóns de euros.

Engadiu que o novo modelo suporía que Galicia sería a encargada de recadar de forma directa tódolos impostos en Galicia, a inspección fiscal corresponderíalle á Atriga e tería competencias para aprobar normativa fiscal en case tódolos impostos, incluídos IVE e impostos especiais como alcohois e hidrocarburos, que “non poden apartarse da normativa estatal”.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar