Novo Mandato Marco para a CRTVG

Novo Mandato Marco para a CRTVG

Novo Mandato Marco para a CRTVG

crtvgA portavoz do Grupo Socialista na Comisión da CRTVG no Parlamento de Galicia, María Quintas, denunciou o “rodillo parlamentario” do PP para impoñer o seu proxecto de Mandato Marco no ente público. Os socialistas presentaron un voto particular á proposta “que en definitiva é un novo proxecto” que garanta financiamento, produción propia e pluralidade informativa”.

A responsable socialista denunciou que o PP “unilateralmente, rápido e correndo, sen aceptar ningunha emenda e sen diálogo quere aprobar canto antes o Mandato Marco” da CRTVG. Advertiu o “uso abusivo da súa maioría parlamentaria para garantir o control sobre o ente nas próximas eleccións xerais e autonómicas e reservándose o control nos medios públicos durante os próximos nove anos nos que terá vixencia o documento”.

En definitiva, dixo, “unha nova volta de torca para desvalorizar a Lei dos medios públicos de comunicación e un novo intento de incrementar a dependencia e control da Xunta e, polo tanto, do PP” sobre estes. Os socialistas denuncian que o Contrato Programa “segue en branco” cando debera clarificar o financiamento do goberno á CRTVG para o próximo trienio.

Alerta da redución drástica da previsión legal de produción propia, que pasa do 60 por cento do primeiro borrador ao 50 por cento desta nova proposta, o que “demostra a manipulación constante do PP para evitar a independencia, democratización e profesionalización dos medios”. Ademais, evidencia a “pésima xestión que realizan dos recursos económicos, técnicos e humanos da CRTVG e abre a porta a uns medios mais privados que públicos”.

Finalmente, o PP “intenta evitar a aplicación da Lei e postergala sine die” no tocante á creación dun Estatuto Profesional da Corporación, que garanta a calidade, profesionalidade e independencia dos contidos informativos. Tampouco contempla a creación dun Consello de Informativos, concibido como “órgano interno de participación dos profesionais da información que vele pola independencia, veracidade e obxectividade dos contidos informativos”.

Nova dirección

Os socialistas galegos esixen unha nova redacción do Mandato Marco e que a súa aprobación quede condicionada pola elección da nova Dirección Xeral do ente, que renovará a totalidade do equipo directivo, co obxectivo de “garantir a independencia, pluralidade e obxectividade da CRTVG”.

Os socialistas rexistraron hoxe un voto particular a modo de proposta alternativa de Mandato Marco co obxectivo de acadar unha Corporación “sostible financeiramente, independente politicamente e que cumpra realmente cos obxectivos de servizo público que ten encomendados”.

Quintas sinala que o carácter público da radio e a televisión galegas “só se pode conseguir cun Mandato Marco que garanta a súa independencia, pluralidade e obxectividade” algo que “non sucede coa proposta do PP”. Os socialistas galegos reclaman un modelo “preciso, que recolla aspectos esenciais que despois se plasmen nos contratos – programa”.

Introduce ademais tres requisitos para o novo texto, como son a concreción da aportación financeira da Xunta para o próximo trienio, elevar a porcentaxe de produción propia “que rendibilice realmente os recursos humanos e técnicos. Inclúe a creación dun Consello de Redacción que garanta a pluralidade informativa, ademais de especificar a estrutura e dimensión da CRTVG “a fin de planificar o futuro e preservar o seu carácter público”.

A deputada socialista considera que a situación do ente público é “crítica en moitos sentidos”, como é a caída da audiencia, o sesgo informativo, o financiamento insuficiente, ou o reto da renovación tecnolóxica, para o que “un Mandato Marco concibido de forma correcta é o instrumento adecuado”.

Ata entón, a Radio Galega e a TVG “non serán un verdadeiro servizo público útil para a cidadanía, sostible e fundamental para a difusión, a defensa e o impulso de Galicia, do seu idioma, a súa cultura e as súas singularidades”.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar