Novo ciclo para o PSdeG no que "todos sexamos necesarios"

Novo ciclo para o PSdeG no que "todos sexamos necesarios"

Novo ciclo para o PSdeG no que “todos sexamos necesarios”

O secretario xeral do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero, apelou hoxe a abrir “un novo ciclo” no PSdeG no que “todos sexamos necesarios”, caracterizado pola “renovación en base á nosa mellor historia”. Así o dixo na súa primeira intervención logo de ser proclamado no cargo ao comezo do XIII Congreso do PSdeG, celebrado hoxe en Santiago de Compostela.

O novo máximo dirixente do partido socialista de Galicia afirmou acceder a esta nova responsabilidade para conformar un “proxecto galego e galeguista” con vocación de liderar a alternativa de progreso ao PP en Galicia. Augurou unha “nova etapa electoral” que recolla os froitos do traballo do “exército que conforma a militancia de base, que ninguén poderá parar para encetar unha nova etapa de esquerda” nesta Comunidade Autónoma.

Apostou por aglutinar a “necesidade de cambio de centos de milleiros de galegos e galegas” e presentouse como “un instrumento político” para conseguir un “futuro presidente socialista na Xunta liderando un goberno de progreso”. Aludiu neste sentido á base que ofrecen as “dúas mellores etapas de Galicia, representadas por gobernos socialistas” liderados por Fernando González Laxe e Emilio Pérez Touriño.

Caballero referiuse tamén ao proceso de primarias no que resultou escollido como secretario xeral despois de 22 anos de militancia, e que permite ofrecer unha alternativa “forte, renovada e revitalizada” ás políticas da dereita en Galicia.

O secretario xeral abriu a rolda de intervencións que rematou coa intervención do secretario de Organización do PSOE, José Luis Ábalos, quen sinalou os valores de “solidariedade e respecto” defendidos polos socialistas e subliñou a defensa da integridade territorial do Estado fronte ao desafío secesionista de Cataluña.

Tamén interveu o ex presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, quen apelou á “unidade e cohesión” como elemento imprescindible para artellar unha alternativa que leve “máis cedo que tarde de novo un presidente socialista á Xunta de Galicia”. Sinalou a “valentía e capacidade” do novo secretario xeral, que foi quén de “abrir unha porta á esperanza e ao futuro do socialismo galego” apoiado nos militantes que son, dixo, “a forza, o motor e o corazón do partido”.

O primeiro presidente do goberno galego do PSdeG, Fernando González Laxe, chamou a artellar un proxecto que “conxugue reivindicación coa alternativa de goberno” que sirva de “guía para os galegos e as galegas”. Mentres que a primeira muller presidenta do Parlamento de Galicia, Dolores Villarino, puxo en valor as primarias que lle deron a Gonzalo Caballero a responsabilidade de dirixir o PSdeG, “como antes fixeron con Pedro Sánchez no PSOE”.

O Congreso comezou hoxe coa participación de case 500 delegados e delegadas do PSdeG e contou coa intervención do secretario xeral de Xuventudes Socialistas, Aitor Bouza, a presidenta de Fademur, Rosa Arcos, os secretarios dos sindicatos de CC.OO. Galicia e UGT Galicia, Ramón Sarmiento e José Antonio Gómez, e foi emitido un video de saúdo enviado por Josep Borrell.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar