Santiago de Compostela, 19 de xullo de 2010.- O PSdeG deu hoxe un paso máis no traballo que está a desenvolver de cara ás vindeiras eleccións municipais, co desenvolvemento dun curso de formación dirixido a militantes e concelleiros socialistas sobre Elementos Clave das Campañas Electorais.
Máis de 150 militantes, portavoces e concelleiros de concellos das catro provincias galegas participaron neste curso da Escola de Formación Francisco Fernández, co obxecto de ampliar os seus coñecementos sobre o funcionamento dos procesos electorais e os mecanismos de mobilización e mellora da acción política.
O curso, que se impartiu esta tarde en Santiago, contou coa presencia de dous ponentes expertos en comunicación no ámbito da política, como son o catedrático de Comunicación Política da Universidade Autónoma de Barcelona, Pere Oriol Costa, que falou sobre a estratexia de comunicación e mobilización para campañas electorais; e do asesor de comunicación Xabier Roig, quen disertou sobre a construcción do discurso e a creación da mensaxe electoral.
O secretario de Formación do PSdeG, Miguel Fidalgo, destacou na presentación do curso que a presencia de Oriol e Roig obedece “ao esforzo do PSdeG para contar con expertos que complementen o traballo que se está a realizar ao longo de todo o ano dende a posta en marcha da Escola de Formación Francisco Fernández.
Fidalgo lembrou que, de cara ás vindeiras eleccións, ademais do coñecemento, “é moi importante o traballo para poder levalo á práctica” e neste eido destacou a importancia da comunicación “para transmitir as nosas propostas e facelas chegar a cada rincón de Galicia”.
A secretaria de Políticas Municipais do PSdeG, Mar Barcón, afondou nesta idea ao destacar que “cursos como este axúdannos a saber contar mellor todo o que estamos a facer e como transmitir as nosas propostas e ideas aos cidadáns”.
Barcón subliñou que nos vindeiros meses “os socialistas poremos a política no primeiro termos, para contarlle á xente todo o que queremos facer, porque pensamos que da crise e das dificultades económicas sáese coas boas políticas, coas que de verdade axudan aos cidadáns”.
A este respecto, criticou a falla de compromiso do Goberno do PP coas políticas sociais, e puxo como exemplo disto a eliminación do Servizo Galego de Igualdade, que o PP aprobará mañá no Parlamento. Unha supresión que “fala ben ás claras da falla de interese do PP por todo o que teña que ver coa igualdade e a defensa dos dereitos das mulleres”, sentenciou Barcón.