Santiago de Compostela, 19 de xullo de 2010.- A portavoz do PSdeG, Mar Barcón, esixiu hoxe explicacións ao Goberno de Feijóo despois de facerse público que a Consellería de Infraestruturas, Territorio e Medio Ambiente, que dirixe Agustín Hernández, adxudicou a obra da variante de Noia á segunda oferta máis cara das 20 presentadas, e que corresponde a unha empresa para a que traballou o actual conselleiro.
“Unha vez máis, a mesma Consellería, o mesmo conselleiro e as mesmas dúbidas en torno á adxudicación feita a unha das ofertas máis caras das presentadas e a unha empresa relacionada co conselleiro no pasado”, lamentou Barcón, á vez que criticou que o departamento da Xunta que tiña que impulsar o desenvolvemento económico “se teña convertido, pola contra, no saco dos escándalos do Goberno de Feijóo”.
Así, a portavoz socialista lembrou o sobrecusto de 400 millóns de euros na adxudicación da Autovía da Costa da Morte con respecto á adxudicación que fixera o anterior Goberno (anulada polo de Feijoo). Tamén que, no concurso convocado xa por este goberno, se pretende adxudicar esta mesma autovía a unha empresa que a construirá por 200 millóns de euros máis que a oferta máis económica.
Barcón tampouco deixou pasar por alto a condición de imputado de Hernández por certificar, como director de Infraestruturas da Deputación, unha obra que non estaba rematada, tamén a unha empresa para a que traballara. A todos estes antecedentes, sumou a controvertida adxudicación da variante de Noia, de novo á empresa que presentou a oferta máis cara e para a que, paradóxicamente, tamén traballara Hernández.
Barcón criticou este novo “exercicio funambulesco” do conselleiro “para adxudicar unha obra a unha empresa coa que tivo relación laboral” e salientou que no caso da variante de Noia, “se presentaron ao concurso 20 empresas, non tres ou catro; e todas elas con sobrada e demostrada capacidade técnica”, polo que cuestionou que a Xunta “opte pola máis cara, e coa que curiosamente tivo relacións laborais o conselleiro”.
Lexitimidade en cuestión
A portavoz do PSdeG incidiu en que esta adxudicación “pon en cuestión a capacidade e a lexitimidade de Agustín Hernández para seguir licitando e adxudicando obra pública”, e apuntou que “non se trata só de mala xestión, senón do despilfarro do diñeiro dos galegos e galegas nun momento de crise”. “Cando todas as administracións tentan aforrar e facer máis con menos, Feijóo decide facer o mesmo, pero gastando moito máis”, denunciou.
Barcón cuestionou ademais que Feijóo, “que tanto falou de ética, rexeneración democrática e respecto á legalidade”, manteña ao fronte da Consellería de Infraestruturas a un conselleiro “que fai acender todas as alarmas cada vez que realiza unha adxudicación”.
Por elo esixiu a Feijóo que explique “se vai manter a capacidade de licitación e adxudicación de obras públicas de Agustín Hernández, cando cada vez son maiores as dúbidas, e ao mellor é unha persoa na que non se pode confiar”.
Así mesmo, preguntou a Feijóo “se considera austeridade e boa xestión anunciar recortes orzamentarios que afectarán ás políticas sociais mentres adxudica infraestruturas ás ofertas máis caras”.
Barcón avanzou que “no pleno de mañá, esixiremos a Feijóo que explique a economía real e por qué se recorta en todo menos nas adxudicacións que fai Hernández a empresas nas que antes traballaba”.
A este respecto, lamentou que tamén no pleno extraordinario que terá lugar mañá quedarán aprobadas “dúas decisións moi prexudiciais para a sociedade galega” como son o peche do Servizo Galego de Igualdade, pioneiro nas políticas de igualdade e de xénero, e a suba do canon da auga mediante unha nova lei que non adopta medidas recomendadas polas directivas europeas, e cun único fin recadatorio, “que suporá unha suba da auga ás familias galegas no peor momento posible”.