DISCURSO DO SECRETARIO XERAL DO PSdeG NAS CONCLUSIÓNS DAS XORNADAS DE TRABALLO DO PACTO POLO TERRITORIO
Os socialistas galegos consideramos que a ordenación do territorio é unha das cuestións fundamentais que se deben abordar no noso país, e que este é o momento preciso para facelo.
O que nós propoñemos é un PACTO POLO TERRITORIO, como primeiro paso para ir sentando as bases do futuro de Galicia. E o facemos coa responsabilidade de saber que é una cuestión esencial para Galicia, que demandan os cidadáns, e co compromiso de facelo posible.
Se somos capaces de acadar o consenso social e político sobre a ordenación territorial e o urbanismo en Galicia, teremos dado un paso moi importante para desenvolver o noso país, mellorar a nosa calidade de vida e valorizar o noso patrimonio natural e medioamental. É dicir, para modernizar Galicia e avanzar coas sociedades máis desenvolvidas.
Galicia é o resultado de moitos séculos de historia. A interacción secular do home e o medio neste territorio comprendido entre o mar Cantábrico e as lindes con Portugal, e entre o océano Atlántico e as lindes con Asturias, León e Zamora, conformou 30.000 asentamentos, que plasman a historia e a realidade de Galicia.
O territorio é o elemento esencial da vida, da convivencía e do desenvolvemento. Sen territorio non hai país. E sen núcleos de poboación non hai convivencia, nin desenvolvemento.
En Galicia, dende o século XX, o desenvolvemento é moi desigual. Temos un país fraccionado en dúas metades, cunha fenda que se agranda a cada paso.
Os cambios estanse a producir neste sentido de xeito inexorable. A poboación galega abandona o rural para asentarse nas cabeceiras das comarcas, fundamentalmente, arredor de tres grandes eixos de comunicación da comunidade: a autoestrada Ferrol-Vigo, a A-6 e a autovía das Rías Baixas. Os últimos datos de poboación poñen de relevo un crecemento concentrado nestes polos e un abandono dos pequenos núcleos de poboación, os lugares nos que se ten conformado historicamente Galicia. Hai un 15% máis de lugares abandonados que a comezos deste século. Así, no ano 2000 apenas sobrepasaban o millar o hoxe son xa 1.261.
Pero, ademáis, hai outros 1.700 lugares nos que so hai 1, 2 ou 3 veciños censados, co que en non moi tempo a cifra de lugares abandonados pódese duplicar.
O incremento acentúase ano tras ano. De feito, entre o 2006 e o derradeiro exercicio do Instituto Galego de Estadística (2007) ao censo de lugares abandonados se lles sumaron outros 78, un 6,5% en só doce meses.
Estes lugares valeiros supoñen o 4% do total dos núcleos de poboación da comunidade, que son algo máis de 30.000 repartidos en 315 concellos.
E non pensemos que este é un fenómeno que afecta só ás provincias de Lugo e Ourense. O despoboamento é máis evidente nas provincias da Coruña e Lugo, que absorben o 80% de todos estes lugares sen almas. Na Coruña, o movemento demográfico acentuouse porque unha gran parte da poboación concéntrase no eixo ártabo A Coruña-Ferrol ou en Santiago e a súa área metropolitana.
A configuración histórica dos asentamentos rurais en Galicia está a mudar de xeito acelerado. E isto, sumado ao excesivo parcelamento do territorio, da como resultado un desequilibrio territorial que se acentúa máis cada día e impide desenvolver con harmonía o país.
Estamos, pois, diante dun dos problemas que debemos resolver en Galicia de forma perentoria e que ningunha administración quixo acometer con rigor e perspectivas de solución ata o día de hoxe. É, sen dúbida algunha, unha das reformas estruturais máis perentorias que é preciso abordar no noso país.
Se non artellamos Galicia e non somos capaces de mellorar as condicións de benestar e incrementar as posibilidades de creación de emprego dese tercio da poboación que reside nos 2/3 do territorio non conseguiremos un desenvolvemento que sexa sostible e rache coa dicotomía da Galicia do interior e a Galicia do litoral.
É preciso acometer determinadas infraestruturas, tanto viarias como telemáticas. É preciso introducir reformas que garantan unha maior rendibilidade do sector agrícola e gandeiro. E é preciso poñer en valor o importante patrimonio natural e cultural que temos.
Pero se o hábitat do rural está en franca descomposición, o modelo urbano, caracterizado por un desenvolvemento acelerado e irracional, tampouco propiciou a creación dun modelo de planificación urbanística que tivese en conta o aproveitamento dos recursos e dos servizos públicos. Máis ben ao contrario, creáronse urbanizacións e barrios novos sen dotacións de espazos e servizos públicos, provocando verdadeiros problemas na xestión municipal.
As áreas urbanas viven hoxe un momento de grandes retos que transformarán as súas capacidades e a súa competitividade. Coas novas infraestruturas, especialmente, o AVE, as autoestradas, os portos e os aeroportos, un dos retos inaprazables é o da mobilidade. O retraso no desenvolvemento de sistemas de transporte público metropolitano ten lastrado as posibilidades destas áreas e dificultado a vida e os desprazamentos dos cidadáns. O uso masivo do transporte privado supón ao tempo un problema de conxestión das entradas e saídas das cidades, un despilfarro enerxético, unha agresión ambiental e unha pésima xestión do tempo das persoas.
Na xestión do transporte público, tamén no ámbito rural, Galicia arrastra un déficit notable.
O urbanismo é a ferramenta máis potente para construír comunidades equilibradas socialmente, modernas na súa concepción e ambiciosas nos seus obxectivos comúns.
Os socialistas cremos que un dos grandes retos de Galicia, para acadar a súa plena modernización, é converter o territorio nun factor protagonista de competitividade e de igualdade, e, polo tanto, nun axente activo de desenvolvemento económico e cohesión social. Por iso cremos que hai que buscar unha práctica política distinta da levada a cabo ata agora e atopar os necesarios puntos de encontro que nos permita rachar co desequilibrio territorial vixente actualmente en Galicia.
É necesario abandonar a improvisación, o partidismo e os intereses particulares para acadar unha política territorial que trate de forma integral a ordenación e planificación do territorio galego.
Estamos ante unha das cuestións que só se pode abordar eficientemente dende unha perspectiva de país, considerando o territorio como un recurso valioso e estratéxico.
Case tres décadas de xestión das competencias exclusivas en materia de ordenación do territorio e urbanismo, non foron suficientes para reconducir o crecemento urbano, a xestión racional dos recursos territoriais galegos e a súa posta en valor.
A Lei do Solo data do 2002. Pero antes de entrar en funcionamento, xa se modificou por vía de “urxencia” no 2004. Agora, no 2010, tamén se bota man do carácter de “urxencia” para modificala novamente.
Un instrumento coma este non pode estar suxeito a sucesivos cambios que dificulten a súa aplicación e modifiquen as regras, cos conseguintes perxuizos para os concellos, para os cidadáns e para o interese xeral.
Precisamos normas máis claras, máis sinxelas e máis achegadas á realidade social de Galicia. Normas que non dean lugar a interpretacións, e que permitan xestionar a tramitación urbanística correspondente con máis axilidade e garantía xurídica.
A planificación territorial e sectorial para os socialistas parte dun principio fundamental: que o obxectivo de protección ambiental sexa compatible co desenvolvemento económico e social.
Cremos que a dimensión dos concellos tamén é relevante na aplicación da normativa de ordenación, o principio de proporcionalidade debe introducirse en toda a lexislación e planificación territorial para favorecer unha aplicación das normas coherente.
Os socialistas cremos que é prioritario facer realidade a reiterada e incumprida demanda da axilidade na tramitación do planeamento, unha axilidade que non debe supoñer en ningún caso menos garantías xurídicas para as institucións e a cidadanía nin menos garantías ambientais.
Para conseguir este obxectivo propoñemos enfocar o Planeamento dende unha óptica distinta, menos reglamentarista e máis efectiva, que reduza os prazos globais de elaboración de planeamento, aforrando custes económicos, sociais e tamén políticos.
É o momento de reflexionar para acadar unha reforma lexislativa urbanística e de ordenación do territorio con pretensión de permanencia e con capacidade de dar resposta ao reto da nova fase de tránsito a un modelo de desenvolvemento sostible.
O modelo económico vixente durante os últimos anos entrou nunha profunda crise, situándonos ante unha realidade económica, financieira e enerxética nova, que precisa novas respostas e consensos amplos para acadar un futuro de certezas fronte ao presente cheo de incertidumes. O estoupamento da “burbulla inmobiliaria”, a necesidade de atopar novos sectores produtivos sostibles e innovadores, os riscos do cambio climático, a protección e o aproveitamento dos recursos naturais e a demanda dun novo modelo enerxético con menos dependencia das enerxías non renovables, fan que este sexa o momento idóneo para a reflexión profunda e o deseño dun futuro dende unha perspectiva territorial diferente.
Os socialistas consideramos que o camiño que se está a seguir en Galicia non é o adecuado. Cremos, en primeiro lugar, que esta cuestión require un amplo consenso. Cremos, tamén, que o segundo paso é definir con precisión as Directrices de Ordenación do Territorio.
Non nos parece adecuado presentar un Plan de Ordenación do Litoral e realizar unha reforma puntual da Lei do Solo sen que as Directrices de Ordenación estean completamente definidas e consensuadas política e socialmente.
Consideramos que o acordo coa Fegamp para a reforma puntual da Lei do Solo debería replantexarse en aras de lograr unha reforma profunda da Lei que fose máis beneficiosa para os concellos, para os cidadáns e para Galicia.
O Partido dos Socialistas de Galicia, consciente da súa responsabilidade como partido político cunha ampla representación política, social e institucional, propón á sociedade galega, ao conxunto das forzas políticas e ao Goberno Galego un PACTO POLO TERRITORIO, que garanta catro principios básicos e fundamentais:
A consecución dunha ampla maioría social e política para aprobar as Directrices de Ordenación do Territorio e as liñas estratéxicas de ordenamento e planificación territorial para o noso país.
A seguridade xurídica dos galegos e galegas.
Unha lexislación urbanística e territorial estable.
Fortalecer a autonomía local e as competencias de planeamento dos concellos.
O acordo sustánciase en sete propostas concretas:
1.Constitución polas forzas políticas galegas e con carácter inmediato dunha Mesa de Traballo para acordar un calendario para a aprobación das Directrices de Ordenación do Territorio, do Plan de Ordenación do Litoral e a redacción dunha nova Lei do Solo para Galicia.
2.Debater e consensuar as Directrices de Ordenación do Territorio, como marco estratéxico para o deseño das políticas territoriais e o Plan de Ordenación do Litoral como ferramenta indispensable para ordenar e determinar os usos das nosas costas.
3.Constitución no Parlamento de Galicia dunha Comisión Permanente, composta por representantes dos tres grupos políticos, na que se dea audiencia aos concellos, á Fegamp, aos axentes sociais, económicos e profesionais, e a partires da cal se constituirá unha Ponencia conxunta para a elaboración dunha nova Lei do Solo para Galicia. Como mostra do noso compromiso e para garantír a estabilidade lexislativa, os socialistas proporemos que a lexislación incluída neste Pacto deba ser aprobada con maioría reforzada de 2/3, ao igual que as futuras modificacións
4.Co obxecto de crear e manter un espazo de debate e reflexión para o deseño das políticas territoriais, as forzas políticas pactarán a composición do Instituto de Estudos do Territorio, dotando ao mesmo de recursos humanos e económicos para convertelo nun foro multidisciplinar e pluriinstitucional que permita o debate sosegado e cunha perspectiva temporal ampla.
5.Impulsar e aprobar os Plans de Mobilidade metropolitana e comarcais para incentivar o uso do transporte público nas áreas urbanas e rurais e favorecer a intermodalidade.
6.Reformar o enfoque actual do Planeamento xeral para convertelo en instrumentos estratéxicos de carácter transversal, axilizando a súa tramitación e dotando aos concellos de capacidade nas decisións vinculadas ao urbanismo dos seus municipios.
7.Elaborar un Plan de Identificación dos valores endóxenos do territorio cun catálogo de usos do solo que permita a diversificación social, produtiva e económica, ao tempo que se ordena e protexe o valor paisaxístico do noso territorio.
Estes son os sete puntos básicos que os socialistas cremos fundamentais para acadar un acordo en materia de ordenación do territorio. Son a nosa proposta para ese PACTO POLO TERRITORIO, que precisa Galicia para desenvolverse con eficiencia e garantía de éxito durante os próximos 30 anos.
E se levamos traballando arreo para elaborar este documento, tamén o faremos para que o Pacto sexa posible.
É o primeiro paso para sentar as bases do futuro sostible do noso país. O segundo, será a reforma administrativa, para a que tamén presentaremos outra proposta de Pacto.
Ambas cuestións son absolutamente esenciais para transformar Galicia. E este é o momento de facelo.