Santiago de Compostela, 5 de febreiro de 2010.- O PSdeG denunciou hoxe a intención da Xunta de incumprir os protocolos asinados cos concellos para a creación de infraestruturas de carácter social, mediante a “imposición do rodillo” dos seus votos no Consorcio do Benestar. Así o afirmou a secretaria de Benestar do PSdeG, Beatriz Sestayo, ao remate da Asamblea do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar celebrada en Santiago.
Sestayo dixo que o desenvolvemento desta asamblea corroborou “que o Consorcio transformouse nun chiringuito do PP”, cunha “falla absoluta de transparencia e de respecto institucional”.
A isto engádese o anuncio realizado polo xerente do Consorcio de que os protocolos asinados cos concellos para infraestruturas sociais “non se van cumprir”. Sestayo denunciou a gravidade do incumprimento destes acordos “xa que os concellos aportaron terreos, espacios e demais patrimonio para a posta en marcha duns servicios que agora non se van realizar”.
Sestayo criticou esta “imposición con rodillo” xa que, ante as preguntas ao respecto dos motivos polos que non se cumprirán os protocolos, o xerente do Consorcio respondeu “que a Xunta conta coa porcentaxe maioritaria –o 51%- e por tanto toma as decisións”.
A secretaria de Benestar do PSdeG lamentou esta “actitude dictatorial” e reclamou que se teña en conta a opinión dos concellos “xa que cada un dos seus votos representa aos seus respectivos cidadáns”.
Advertiu que o os concellos do PSdeG “non actuarán como marionetas ao servizo da dereita” e tomarán as medidas necesarias para que estes protocolos se cumpran.
Sestayo denunciou ademais a “falla de información e transparencia respecto aos puntos tratados na Asamblea” e censurou o “ninguneo aos concellos” aos que non se lle explicaron os orzamentos existentes nin os investimentos previstos nin se lles deron motivos das decisións adoptadas.
Ante isto, Sestayo anunciou que os representantes socialistas no Consorcio elaborarán un documento de base coas súas “esixencias e condicións” para manterse no Consorcio, e reiteran que abandonarán o mesmo en caso de que non se cumpran os compromisos acadados cos concellos.