- O líder dos socialistas galegos chama ao acordo e consenso entre formacións políticas, caixas e sociedade para resolver a cuestión das caixas galegas
- Acusa a Feijóo de “ir por libre” e “inventar” unha Lei de Caixas que é “revisada e rexeitada por tódalas caixas de España, polo Goberno, polos concellos e polas entidades galegas”
Madrid, 30 de xaneiro de 10. O secretario xeral do PSdeG-PSOE, Pachi Vázquez, dixo hoxe en Madrid que a reforma do sistema de pensións supón unha “garantía” para Galicia, porque “necesitamos dun sistema de pensións forte, sostible e con garantía de futuro” diante da previsións de envellecemento da poboación. Logo da xuntanza do Comité Federal do PSOE, o líder dos socialistas galegos chamou ao consenso entre as formacións políticas, as caixas e a sociedade para “resolver a cuestión das caixas galegas”.
Pachi Vázquez adiantou que o socialismo galego “apoiará completamente a decisión do Goberno do Estado para analizar e garantir a sostibilidade no futuro modelo de pensións a través do pacto de Toledo”. Explicou que esta medida ten unha “maior trascendencia” en Galicia por canto “o nivel de envellecemento da nosa poboación está entre os máis altos de España” e ten unha taxa de natalidade do 0,9 fronte ao 2,1 necesario para o equilibrio poboacional.
Salientou a “valentía” do Goberno socialista “que mira ao futuro e escapa de visións cortopracistas”, así como a dun presidente, Zapatero, “que propón un gran acordo para dar sostibilidade ao sistema”. Constitúe, dixo, “unha garantía para Galicia, para as mulleres e homes que na rexión máis envellecida de España necesitan claramente que o sistema de pensións sexa forte, sostible e garanta que o seu futuro nunca se vaia ver comprometido”.
O líder dos socialistas galegos sinalou que “o modelo ten que ser sostible” grazas a decisións que “van afectar a vinte ou vintecinco anos”. Anticipou que Galicia será “a gran beneficiada” dun gran acordo no Pacto de Toledo que dea sostibilidade ao sistema de pensións porque, para cando este estea en vigor, o desequilibrio entre a xente maior e moza en Galicia vai ser dos máis importantes de España”.
Caixas
En respostas a preguntas dos xornalistas, o secretario xeral do PSdeG-PSOE, Pachi Vázquez, dixo que “a palabra clave para resolver o modelo financeiro de Galicia é o acordo, o consenso e a busca de puntos de encontro coas formacións políticas, coas caixas e coa sociedade galega”. Dixo que “é o momento de parar, desdramatizar e non seguir buscando vitimismos e si de volver a sentarse”.
Vázquez advertiu que “lamentablemente, todo o que viñamos anunciando se fixo realidade” en referencia a “cando dixemos no Parlamento de Galicia que os atallos non son bos, que hai que cumprir coas leis e que hai unha Lorca e unha Constitución”. Salientou que “non sse mpode poñer patas arriba o sistema financeiro inventando unha Lei que claramente vai ser revisada e rexeitada por tódalas caixas de aforros de España, polo goberno do Estado, polos concellos e polas propias entidades galegas”.
O secretario xeral do PSdeG-PSOE dixo que “Feijóo ten que recoñecer que o modelo de ir por libre el só sen escoitar a ninguén non da resultado”. Adiantou que “creo que hai outros camiños, de escoitarnos, compartir e buscar puntos de encontro que garantan que o aforro galego siga en Galicia” e engadiu que “o socialismo galego comprométese a estar nese debate” porque “entre todos podemos sacara adiante esta situación”.
Diante da decisión do Goberno de remitir ao Consello de Estado a decisión para presentar un recurso de inconstitucionalidade contra a Lei das Caixas dixo que “o que tiña que ser a solución para as caixas de aforros é o seu principal problema” e lembrou que “tiñámolo claro no debate no Parlamento de Galicia, dixémolo e non se nos fixo caso, seguimos escapando cara ao abismo”.
Agora, explicou, o Goberno remitiu a decisión ao Consello do Estado, que será quen decida como órgano independente, e suliñou que a ministra de Economía e vicepresidenta do Goberno foi “moi clara” ao sinalar a existencia de “elementos de inconstitucionalidade moi evidentes e maiores que os que motivaron o recurso contra a Lei de Caixas de Madrid”.