Noela Blanco: “Seguimos notando tintes da programación de mamachichos na TVG”

Noela Blanco: “Seguimos notando tintes da programación de mamachichos  na TVG”

Noela Blanco: “Seguimos notando tintes da programación de mamachichos na TVG”

A deputada socialista Noela Blanco instou esta mañá ó goberno galego a implantar na CRTVG unha programación que defenda un “modelo social máis igualitario”, recordando que “os medios de comunicación públicos teñen que ter un papel fundamental na redución de estereotipos entre homes e mulleres”.

Nunha pregunta oral en Comisión, dirixida ó Director Xeral da CRTVG, Blanco criticou que “seguimos notando tintes da programación de mamachichos  na TVG”, lamentando que “a imaxe que se visualiza na nosa televisión pública segue transmitindo unha cosificación do corpo das mulleres”.

Como exemplo, referiuse a unha noticia emitida nun telexornal da TVG co titular “Asáltanlle varias veces a casa e mallan na muller e na cadela”, un enfoque “totalmente desafortunado e máis propio doutro século”. “A RTVG debe coidar que as informacións que se transmitan non parezan dun señor feudal” engadiu.

Ante esta situación, solicitou unha “incorporación da defensa da igualdade de maneira transversal na programación da televisión pública”, na procura “dun papel protagonista, e non sempre secundario das mulleres”.

Nesta liña recalcou a importancia de aumentar a presenza das mulleres nos debates, de promover o deporte feminino, e de “incrementar a coeducación e prevención da violencia xa dende a programación infantil” para “loitar pola igualdade real”.

Unha igualdade na que os socialistas consideramos que tamén hai que avanzar no eido laboral: hai unha sentenza que condea á CRTVG por vulneración da conciliación.

Tratamento da violencia de xénero

No tocante ó tratamento da violencia de xénero, Noela Blanco resaltou a necesidade  de “mudar o foco”: non só falar das vítimas nas informacións, senón tamén “recalcar as consecuencias dos actos” dos maltratadores para “conseguir que se incremente o número de denuncias”.“Os medios de comunicación públicos teñen unha responsabilidade importantísima para consolidar a igualdade nesta sociedade” sinalou.

Patricia Torres

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar