Nin un só neno ou nena sen libros de texto ou material escolar

Nin un só neno ou nena sen libros de texto ou material escolar

Nin un só neno ou nena sen libros de texto ou material escolar

Aula Infantil colexioO portavoz de Educación do Grupo Socialista, Vicente Docasar, esixiulle ao goberno galego que garanta que nin un só neno ou nena quede sen libros de texto e material escolar no próximo curso. Docasar presentou unha pregunta sobre este asunto na Comisión de Educación do Parlamento.

Advertiu que os “tumbos” e recortes de Feijóo teñen “deixado na estacada” a “milleiros de estudantes e familias”, e sinalou que “falar deste asunto sosegadamente e con tempo debera levar a goberno de Feijóo a unha profunda reflexión sobre a cambiante e desconcertante política levada a cabo cos libros e texto nos últimos anos”.

Docasar acusou ao goberno galego de poñer en perigo a equidade do sistema educativo, e alerta que “de seguir por ese camiño poderiamos pasar de ter unha fortaleza no sistema a contar cunha preocupante debilidade. Lembrou que o sistema xeneralizado polo goberno socialista resultou “mais xusto e mesmo mais eficiente economicamente que o actual sistema”, tal e como confirmou a Defensora del Pueblo, Soledad Becerril, nun informe publicado hai uns meses.

Lembrou que mentres o anterior modelo beneficiaba á totalidade dos alumnos e custaba 80 millóns, 72 a cargo da Xunta e 8 das familias, o actual deixa tirados a miles de estudantes e custa 200 millóns de euros, 80 á Xunta e 120 ás familias.

O responsable socialista puntualiza que o goberno de Feijóo “fala con demasiada frecuencia da defensa das familias, pero nada mellor para defendelas que ser coherentes e leales con elas, e moito mais se cabe nos momentos actuais”. Por iso reclamoulles que “escoiten máis ao profesorado, ao alumnado e ás familias” e censurou a “soberbia e prepotencia” amosada por un goberno que “quere ter toda a razón”, e nunca escoita a ninguén.

Libro dixital

Vicente Docasar preguntoulle tamén ao goberno galego polos seus plans de futuro con relación á implantación do libro dixital no ensino obrigatorio, e advertiu do perigo de “xerar falsas expectativas” nun proxecto pioneiro con moitas posibilidades pero que aínda arrastra importantes eivas.

Citou así o risco de provocar a desigualdade entre os estudantes urbanos e do medio rural, con menos implantación das novas tecnoloxías nos centros e conexións a internet deficitarias. Reclamoulles que “non permitan que mentres hai unha minoría de centros comodamente instalados no século XXI haxa aínda moitos que permanecen no século XX”.

O responsable socialista asegurou que “o futuro pasa polo dixital”, pero engadiu que “o presente é o que é” e esixiu “rigor para garantirlle ás familias que ningún neno ou nena vaia a clase sen libros de texto e material escolar”.

Aulas Mentor

Por outra parte, Vicente Docasar reclamoulle ao goberno galego que impulse o recoñecemento dos cursos realizados polo profesorado nas Aulas Mentor á hora de contabilizar para a consolidación de sexenios dun total de 30.000 docentes en toda Galicia. Así o dixo na presentación dunha proposición non de Lei dos socialistas galegos na Comisión de Educación do Parlamento.

O responsable socialista considera que a renuncia a recoñecer os cursos a efectos de consolidación de sexenios é “unha torpeza que debe arranxarse” e “un desperdicio”, xa que permitiría poñer a rede de aulas ao servizo dos profesionais da educación. Ademais, lembrou a demanda dos estudantes para que os cursos teñan validez a efectos de validación de créditos de libre configuración na universidade.

O portavoz de Educación advertiu que, con estes cambios, o colectivo de profesores e profesoras “seguramente utilizarían máis este tipo de cursos se a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria fixera pequenos cambios organizativos que non terían custe algún” e demostrarían ademais “sentidiño común e vontade política”.

Aulas Mentor

Docasar lembrou que as denominadas Aulas Mentor forman parte dun programa xestionado polo Ministerio de Educación en colaboración coas consellerías de Educación e os concellos, e que conta cunha rede de 26 aulas espalladas por toda Galicia -13 na Coruña, 4 en Lugo, 2 en Ourense e 7 en Pontevedra-.

Estas ofrecen 156 cursos distintos organizados en 16 bloques temáticos “aumentando nos últimos tempos de maneira moi importante a oferta de novos cursos vinculados ás novas tecnoloxías”, que son impartidos “a prezos asequibles para todo tipo de petos”.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar