Un monte plurifuncional e sostible con xestión profesionalizada

Un monte plurifuncional e sostible con xestión profesionalizada

Un monte plurifuncional e sostible con xestión profesionalizada

O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, reclamou hoxe un cambio radical na política forestal “fracasada” do goberno galego para garantir un “monte plurifuncional e sostible cunha xestión profesionalizada”. Así o dixo nunha charla informativa sobre Política Forestal celebrada hoxe en Baiona na que o responsable socialista perfilou as liñas mestras da proposta forestal dos socialistas galegos.

O responsable socialista urxiu hoxe a darlle un “cambio de raíz” á política forestal do goberno galego para superar o “fracaso” da xestión do PP, que se traduce nun monte desarticulado, deixado ao seu xeito, con excesivo predominio do eucalipto e que é pasto das lapas nuns incendios “recorrentes e de carácter catastrófico”.

Apuntou á redución do risco de incendios como un dos principais obxectivos da política forestal do goberno galego, que debe centrarse na prevención fronte á extinción, constituíndose como “un instrumento de colaboración cos concellos para a prevención e o control forestal que actúe durante todo o ano”. Reivindicou a unificación do dispositivo anti incendios, con actuacións específicas no interfaz urbano – forestal.

Tamén propuxo a ordenación da ocupación do territorio para evitar o risco de grandes incendios, con medidas como a promoción do gando extensivo, implantando pastos que fagan as funcións de cortalumes naturais. Finalmente, apelou á colaboración do propietarios no control dos incendios, buscando a súa implicación na ordenación e mantemento do monte.

Responsabilizou á xestión do goberno galego da implantación dunha marea normativa “que é aplicada selectivamente provocando restricións á xestión forestal”, así como do mantemento dunhas Sofor “fracasadas”. En definitiva, dixo, “o monte galego padeceu unha xestión pública ineficiente da superficie veciñal, da mala xestión dos recursos e a escasa preocupación pola ordenación territorial e os servizos non mercantís do monte”.

Abandono do monte

Criticou o “abandono” do monte galego por un goberno incapaz de conseguir un medio que producira rendas suficientes, parcialmente desprotexido, pasto dos incendios e sen ordenar. Fernández Leiceaga reivindicou unha política forestal dirixida a implantar un monte “máis participado” que faga “un mundo rural viable e plurifuncional” que combine a función produtiva e a protección medioambiental.

Fernández Leiceaga presentou as liñas xerais da proposta socialista á Comisión de reforma da Política Forestal, partindo dun “monte ordenado” cunha estratexia que afecta á metade do monte produtivo nun prazo de 10 anos. Hoxe apenas está ordenado o 10 por cento do monte, co que podería regular 600.000 hectáreas nunha década, comezando polos montes de xestión pública e veciñais a partir de tres anos, e os montes de man común e privados en 10.

Reclamou en segundo lugar un “monte agrupado”, a partir de “calquera instrumento que funcione”, e sinalou que “non pode ser que para a Xunta só funcionen as Sofor e prescinda de calquera outro mecanismo”, e apuntou a incentivar a xestión agrupada dos terreos.

Ademais, defendeu un “monte multifuncional” para incrementar en 200.000 hectáreas o espazo destinado a gando extensivo en sistemas silvopastorís que supoñen ademais unha garantía de protección contra os lumes.

Propuxo a reforma do Banco de Terras de Galicia con máis competencias, recursos, persoal e compromisos que permita a xestión de terras privadas abandonadas, montes de Man Común e os que sexan cedidos para acadar un “monte mobilizado produtivamente”.

Fernández Leiceaga reclamou un “monte protexido” a partir dun acordo de custodia territorial, e un “monte diverso” no que non só existan eucaliptos. Neste sentido avogou por implantar unha regulación máis estrita con instrumentos de control territorial seguindo o modelo da APLU que sen prohibir a explotación de eucaliptos, garanta a diversidade de especies impedindo grandes masas monoespecíficas.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.

Pechar