Monográfico de emprego no próximo Pleno do Parlamento

Monográfico de emprego no próximo Pleno do Parlamento

Monográfico de emprego no próximo Pleno do Parlamento

O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, anunciou hoxe que tódalas iniciativas socialistas para o próximo Pleno estarán centradas na situación do emprego en Galicia. Así o dixo antes da reunión da Xunta de Portavoces do Parlamento, que se reunirá mañá martes para fixar a orde do día da próxima sesión plenaria.

Os socialistas galegos centrarán tódalas súas iniciativas de impulso e de control para sinalar o empeoramento do mercado laboral de Galicia dende a chegada de Feijóo en 2009. Fernández Leiceaga lamentou que “a Xunta non está facendo o suficiente” con medidas que se demostran “ineficaces” para reducir a precariedade laboral e impulsar novas contratacións en Galicia.

“Non é país para xente nova”, dixo o portavoz socialista lembrando o título da coñecida película para sinalar unha “fractura social xeracional”, que se superpón en moitos casos á fractura de xénero, coas mulleres moi por debaixo da situación dos homes. Logo do empeoramento do mercado laboral nos anos da crise, sinalou, “a precariedade laboral avanza, a procentaxe de indefinidos diminúe e a temporalidade medra”.

Apuntou así que mentres en 2008 había 87.389 contratos indefinidos asinados, o 11 por cento do total, o ano 2016, “o que Feijóo presenta como o ano da recuperación”, Galicia suma 70.648 contratos indefinidos, o 7 por cento do total. A situación é especialmente grave no caso das mulleres, con 40.000 contratos indefinidos en 2008 que pasaron a 33.000 en 2016.

Fernández Leiceaga apuntou ao “problema particular” que supón o elevado número de contratos parciais para as mulleres, cando os indefinidos a tempo completo, que eran o 6,8 por cento do total en 2008, en 2016 son só o 3,5. No caso dos homes, pasaron de 8,3 a 4,5 por cento, que “tamén empeoran, pero a parcialidade penaliza sinaladamente a contratación laboral de mulleres”.

Criticou que a Xunta, co seu desleixo, renuncia a impulsar o “efecto benéfico” que ten o aumento da contratación na economía. Reclamou así que exerza as súas competencias na materia para, en primeiro lugar, reducir a precariedade na administración autonómica, reducindo os contratos temporais no Sergas, educación e servizos sociais, e reducindo os “demasiados contratos a tempo parcial”.

Reclamou “activar as ofertas públicas de emprego” e rompan coa taxa de reposición, poñendo en cuestión unha “decisión política” como é a paralización das convocatorias de oposicións.

Propuxo tamén impulsar os incentivos de contratación feminina a tempo completo, así como a consolidación de contratos estables entre os mozos galegos. dixo que “xa hai iniciativas dirixidas aos parados de longa duración, pero existen outros ámbitos que requiren a participación da Xunta”.

Igualdade

O portavoz socialista anunciou ademais a celebración dunha Xornada de Igualdade no Parlamento, o próximo venres e a iniciativa do Grupo Socialista, co obxecto de recoller propostas para actualizar a Lei de Igualdade no Traballo, cando fan dez anos da súa aprobación, o 28 de marzo de 2007, polo goberno presidido por Emilio Pérez Touriño.

Fernández Leiceaga sinalou o traballo pendente en materia de Igualdade, como evidencian as “declaracións machistas e pouco respectuosas” feitas polo alcalde de Noia nun acto oficial a semana pasada.

A xornada da próxima semana contará con dúas mesas redondas nas que participarán por unha banda a presidenta da Comisión de Igualdade do Congreso e presidenta da Xestora do PSdeG, Pilar Cancela, e María Debén, as dúas responsables do equipo da Consellería de Traballo que aprobou a Lei orixinal, así como Rosa Arcos, presidenta de Fademur.

A segunda Mesa redonda contará coa presenza de Laura Seara, ex secretaria xeral de Igualdade do Goberno de España, rosa Gómez Limia, presidenta de Teenses pola Igualdade e unha das primeiras deputadas da Cámara autonómica, e Olga Patiño, presidenta do Observatorio de Igualdade de A Coruña.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar