"Modelo Falcon Crest" na viticultura galega

"Modelo Falcon Crest" na viticultura galega

“Modelo Falcon Crest” na viticultura galega

O portavoz de Agricultura do Grupo Socialista, Pablo García, acusou hoxe á Xunta de impoñer o “modelo Falcon Crest” de adegas propietarias dos viñedos e forzar aos viticultores a facerse xornaleiros. Así o dixo no debate dunha proposición non de Lei do Grupo Socialista para obrigar ás adegas que reciban axudas públicas a asinar contratos homologados de compra de uva que foi rexeitada polo PP.

García sinalou que o PP e o goberno galego “non queren que existan viticultores” e por iso levan sete anos “fomentando dereitos de plantación para Freixenet e outras adegas para que poidan prescindir dos viticultores”. Desafiounos a recoñecer que defenden ese modelo en contra da explotación tradicional galega.

En realidade, sinalou, “están subvencionando, defendendo e promovendo a eliminación dos viticultores para que as adegas de fora de Galicia queden co diñeiro do país”. Por iso, explicou, impiden condicionar as axudas de internacionalización á sinatura de contratos homologados cos vendedores de uva, que teñen que deixar as súas explotacións polo impago impune das adegas.

Sinalou que o ataque aos viticultores pertence ao ADN dun PP tradicionalmente nutrido de adegueiros, como demostra, sinalou que “tan só habilitaran mecanismos para os contratos homologados en dúas das cinco denominacións de orixe”. Continuou explicando que unha delas, a do Ribeiro, “leva tres anos sen asinar un só contrato e a recompensa é que o seu presidente é agora deputado do PP en Madrid”.

Un rapaz dos Peares

Sinalou que este é o exemplo da limitada defensa dos contratos homologados por parte dun PP e dun goberno galego dirixidos por un presidente que “renega politicamente do mundo rural”. Lamentou que o seu compromiso “empeza e remata co eslogan de que é un rapaz dos Peares”, como el mesmo se denomina, mentres a aposta do presidente do goberno coa viticultura limítase ao “viva el vino”.

Criticou a un goberno para o que “o mundo rural é algo bucólico, do que pensan que se mantén a base de poesía e discursos e non de xerar actividade” e esquecen que os traballadores necesitan do impulso o apoio e a protección do goberno.

Os socialistas presentaron unha proposta para convocar de forma urxente un marco de negociación para amparar a compra – venda de uva baixo os contratos homologados, promover que as direccións dos consellos reguladores axusten o rendemento permitido por hectárea á produción real e protexer a figura do viticultor produtor.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar