Mocións socialistas nos concellos para que o Goberno lles permita dispor do seu superávit para mellorar servizos

Mocións socialistas nos concellos para que o Goberno lles permita dispor do seu superávit para mellorar servizos

Mocións socialistas nos concellos para que o Goberno lles permita dispor do seu superávit para mellorar servizos

O secretario de Política Municipal do PSdeG-PSOE, Iván Puentes, anunciou hoxe a presentación nos concellos galegos dunha moción para reclamarlle ao goberno central que lles permita dispor dos orzamentos necesarios para prestar os servizos que teñen encomendados.

O responsable socialista reivindicou a revisión da regra de gasto, do destino do superávit, a débeda pública e as taxas de reposición de empregados públicos cos que o Executivo central está a “asfixiar” ás entidades locais. Estas, sinalou, reduciron o gasto computable no 1,2 por cento, teñen hoxe un superávit de 6.847 millóns -a única administración sen déficit-, e cumpren co obxectivo de débeda pública imposto polo Executivo.

Aínda así, engadiu, “o Ministro Montoro segue a castigar economicamente aos concellos, tratando ademais por igual a quen cumpriu coas súas obrigas e ten as contas saneadas e a quen se endebedou ata a irresponsabilidade, o que se traduce na imposibilidade de prestar servizos axeitados á cidadanía”.

Resumiu que os concellos pídenlle ao goberno “flexibilidade” por que “queren reinvertir o superávit no que é urxente e importante para os seus veciños”. Sinalou ás necesidades en “infraestruturas, plans de emprego, políticas sociais e educativas, programas de igualdade, proxectos de sostenibilidade ou recuperar as plantillas para prestar os mellores servizos municipais”.

Considera “inaprazable” contar con “municipios fortes, con capacidade de decisión e con recursos acaídos para responder ás demandas cidadás” amparados por un “sistema de financiamento estable e suficiente”. Lembra que o estrito control e económico do Goberno foi “na dirección contraria”, deixándoos “sen posibilidades de mellorar os servizos de benestar, crear novo emprego ou prestar os servizos de proximidade encomendados”.

Puentes sinala que as Corporacións Locais non poden utilizar o superávit en gasto corrente, son discriminados con relación ao Estado e as comunidades autónomas, que non teñen un límite de débeda parecido, e non poden contratar empregados públicos.

Moción

Por iso, os socialistas presentan ao longo do día de hoxe nos diferentes concellos galegos unha moción para pedirlle ao Goberno central a revisión e adecuación da regra de gasto ás necesidades dos servizos públicos dos concellos e permitirlles que destinen o superávit a promover servizos públicos.

Tamén reclaman flexibilizar as actuais restricións á concertación de operacións de endebedamento e modificar a taxa de reposición de empregados públicos, elevándoa ao 150 por cento nos servizos de interese prioritario e ao 100 por 100 no resto de servizos municipais, de xeito que se podan ir recuperando os empregos perdidos nos últimos anos na administración local.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar