Mesquindade e desprezo intolerable da Xunta e do PP coa sanidade de Vigo

Mesquindade e desprezo intolerable da Xunta e do PP coa sanidade de Vigo

Mesquindade e desprezo intolerable da Xunta e do PP coa sanidade de Vigo

O deputado socialista Abel Losada denunciou a “absoluta mesquindade e desprezo intolerable” amosado pola conselleira de Sanidade cara os profesionais e usuarios da sanidade pública de Vigo e da súa área sanitaria. Así o dixo no debate dunha proposición non de Lei para restaurar o servizo de laboratorio completo para o futuro Hospital de Vigo, que foi rexeitada polo PP.

O responsable socialista aludiu así ás acusacións da conselleira, atribuíndolle á ansia por traballar nun hospital novo as advertencias dos profesionais contra a supresión dos laboratorios de análises clínicas, hematoloxía e microbioloxía do futuro hospital. Esta decisión unilateral da Consellería de Sanidade foi adoptada, dixo, para garantir o negocio das empresas privadas a costa dos doentes.

Losada lembrou os informes da Sociedade Española de Enfermidades Infecciosas e Microbioloxía Clínica e da propia UE advertindo contra o afastamento dos laboratorios da ubicación dos doentes críticos. Este reduce a eficiencia na atención aos doentes e xera toda unha loxística innecesaria para o traslado das mostras e supón un custe en termos de “tempo e diñeiro, mais alá do menoscabo para a calidade da atención sanitaria”.

Dixo ademais que esta decisión abunda na “discriminación para coa cidade de Vigo e a súa área sanitaria” que está a encetar o goberno de Feijóo utilizando para elo a sanidade pública, e preguntou “por qué se non os laboratorios en Santiago están no Clínico e non no Gil Casares ou en Conxo”. Advertiu ademais que coa distribución dos servizos sanitarios están a condenar ás familias de nenos con cancro hematolóxico a desprazarse dende Vigo a Santiago.

Lembrou que Feijóo foi quen decidiu entregar o Hospital de Vigo a unha UTE que fará unha infraestrutura “mais pequena, mais cara, menos eficaz e menos eficiente”. Ademais, sinalou, a propia directora da oficina técnica para a posta en marcha do novo Hospital é a administradora única da empresa Efficientia Clinical Management e está pagada polas empresas que constrúen o Hospital; “a raposa a coidar das galiñas”, concluíu.

Esta mesma responsable ten declarado publicamente, lembrou, que as administracións públicas “non deben prestar servizos, senón limitarse a regular, financiar e controlar a calidade dos servizos sanitarios”. Losada explicou que esta opinión constitúe o “exemplo paradigmático da introdución das empresas e dos criterios mercantís na sanidade por parte do goberno galego”.

Conselleira pública, conselleira privada

Abel Losada criticou que a conselleira teña demostrado a súa intención real de privatizar a sanidade pública ao presentarse ela mesma como “conselleira tanto da sanidade pública como da privada”. Lembrou que a súa responsabilidade, mais alá das funcións de control dos centros privados, é para coa pública, mentres “Povisa, Fátima S.A. ou Domínguez S.A. son empresas privadas que si competen a alguén é ao conselleiro de Economía”.

Ademais, cualificou de “como mínimo pouco elegante” a decisión da conselleira de ofrecer unha conferencia, financiada por un laboratorio privado, sobre “A sanidade como actividade económica” esta mesma semana no Clube Financeiro de Vigo. Esixiulle que “veña a Vigo a dar unha conferencia da sanidade como servizo público”.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar