Menos mulleres directivas en Galicia e o PP segue a doutrina de "non meterse niso" de Rajoy

Menos mulleres directivas en Galicia e o PP segue a doutrina de "non meterse niso" de Rajoy

Menos mulleres directivas en Galicia e o PP segue a doutrina de “non meterse niso” de Rajoy

A portavoz de Traballo do Grupo Socialista, Noela Blanco, acusou hoxe ao PP de amparar o incumprimento do mínimo legal de mulleres directivas nas empresas “seguindo o non meterse niso do seu gurú Rajoy”. O PP vetou unha proposición non de Lei en Comisión para pedirlle á Xunta que garanta o cumprimento da normativa laboral en materia de igualdade polas empresas.

A responsable socialista sinalou que esta posición “volve ser un no nos metamos en eso”, en alusión á resposta do presidente do goberno ante a pregunta de se habería que regular a igualdade das mulleres no eido laboral. Acusa ao PP de “facer coma se non fora con vostedes ou lles supuxera un lío facer cumprir coas leis que dependen do seu goberno” convertendo o “teito de cristal” nun teito “de cristal blindado”.

Noela Blanco acusou ao PP e ao goberno galego de “mirar para outro lado” mentres a presenza das mulleres nos consellos de administración das empresas galegas queda no 14,27 por cento, fronte ao 40 por cento obrigado por Lei. Engadiu que “respecto ás empresas galegas con máis de 250 traballadores, tan só o 10,74 por cento compren coa presenza feminina mínima nos consellos de administración, por debaixo do 11,23 estatal, segundo o estudo de 2017 sobre Presenza das mulleres na empresa española, realizado pola consultora Informa D&B.

Criticou que “as políticas e medidas aplicadas polo Goberno prexudicaron durante estes anos ao avance da igualdade”, provocando recortes en servizos esenciais e impoñendo unha reforma laboral regresiva. Apuntou que “o máis grave de todo foi a voadura de todas as iniciativas en materia de igualdade no emprego postas en marcha polo goberno presidido por Touriño”.

Lembrou así que a Lei de Igualdade no Traballo contemplaba apoio técnico para a implantación de plans de igualdade e a posta en marcha dun plan de emprego coa participación de máis de 15.000 mulleres e 300 empresas.

Os socialistas reclamaron o cumprimento da lexislación autonómica en materia de Igualdade e que a Xunta lle solicite ás empresas información da composición por sexos dos seus consellos de administración, que emita un informe preceptivo e o impulso do incremento da participación das mulleres nos consellos de administración.

Mobbing maternal

A parlamentaria socialista reclamoulle tamén ao goberno galego que “combata o denominado mobbing maternal”, ou discriminación directa por razón de sexo, trato desfavorable das mulleres no traballo relacionado co embarazo e a maternidade.

Explicou que se trata dun “tipo de acoso” que “reúne os requisitos comúns do mobbing, pero a súa peculiaridade radica en que “o seu ataque diríxese de forma sistemática contra mulleres embarazadas, que foron recentemente nais ou que manifestaron a súa vontade de selo”. Noela Blanco advertiu que “é especialmente significativo limitando o acceso das mulleres a postos de responsabilidades”.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.

Pechar