Méndez Romeu tilda a Feijóo de “tramposo” por maquillar as contas públicas e enganar cos datos de desemprego

Méndez Romeu tilda a Feijóo de “tramposo” por maquillar as contas públicas e enganar cos datos de desemprego

Méndez Romeu tilda a Feijóo de “tramposo” por maquillar as contas públicas e enganar cos datos de desemprego

Méndez Romeu compara ao presidente da Xunta co ex presidente estadounidense Nixon, alcumado Dick Tricky, O Tramposo

Tramposo ou trampulleiro: que ten o costume de facer trampas ou de dicir mentiras. Con esta definición da Real Academia Galega referiuse hoxe o portavoz do Grupo Socialista, José Luis Méndez Romeu, ao presidente da Xunta, na sesión de control do Pleno do Parlamento para sinalar a maquillaxe que Feijóo aplica sistematicamente aos datos sobre as contas públicas ou de emprego.

Méndez Romeu comparou hoxe ao presidente da Xunta co ex presidente estadounidense Richard Nixon, alcumado Dick Tricky -O Tramposo- “pola súa inveterada tendencia a faltar á verdade ou a falar con inexactitude”. Criticou que Feijóo teña escollido “a inexactitude, os datos ambiguos e as verdades a medias para construír unha imaxe do seu goberno que non se compadece coa realidade desta sociedade”.

Lembrou así a maquillaxe das contas públicas denunciadas polo Tribunal de Cuentas e o Consello de Contas, o paro, o número de empregados públicos ou as listas de espera que son “sistematicamente desmentidas pola realidade”. Estas son só algunhas, puntualizou, das mais de 10.000 noticias elaboradas polo goberno galego en cinco anos e que son unha sucesión de “anuncios non corroborados, promesas esquecidas e datos alterados”.

Os tribunais de contas, explicou, teñen explicado que a Xunta agocha na súa contabilidade facturas que roldan os 240 millóns de euros anuais, o 3 por cento do orzamento, e que “medran cada ano”. Méndez Romeu esixiulle a Feijóo que explique “onde está a transparencia prometida, a solvencia e o tempo récord de pago a provedores” de que presume.

Continuou sinalando que mentres Feijoó gábase de blindar os servizos sociais o seu peso nos orzamentos ten baixado un 8 por cento, e mentres publicita gasto social as cifras absolutas redúcense un 16 por cento, que deflactadas –quitándolle a inflación para contabilizar contías homoxéneas- equivalen ao 23 por cento.

Emprego público

Idéntica estratexia seguiu con relación ao emprego público, xa que mentres o presidente da Xunta agochaba a destrución destes postos de traballo, era o Ministerio de Facenda e Administracións Públicas o que revelaba a supresión de 5.000 postos de profesores, médicos e outro persoal. Dixo que si o conselleiro de Educación minte e non está cesado é que Feijóo o utiliza como “percha cómplice e dócil na que colgar as súas desvergoñas”.

Méndez Romeu criticou que as mesmas cifras que o actual presidente da Xunta utilizaba dende a oposición para atacar ao goberno de Touriño acusándoo de contratar a milleiros de profesores e médicos “agora non lle gustan”. “Daquela eran cifras verdadeiras, e hoxe, que non lle conveñen, resulta que están trucadas”, espetoulle.

A realidade, puntualizou, é que o presidente da Xunta “eliminou 19.600 empregos en servizos sociais, saúde ou ensino”, como revelan os datos oficiais de emprego, que apuntan que “despedimos profesores e médicos e contratamos camareiros, despedimos profesionais cualificados con emprego estable no sector público para contratar profesionais sen cualificar no sector servizos”.

Denunciou que mentres Feijóo toma os datos de emprego parciais, un terzo dos novos empregos pertencen á hostalería e servizos sen cualificar e o 43 por cento dos novos contratos son temporais. Así, mentres caen os postos de traballo na hostalería aumentan na hostalería, caen os salarios e sube a temporalidade e 30.000 parados e paradas renuncian a inscribirse nas oficinas de emprego.

Finalizou lembrando a nova trampa dos socialistas galegos coa rebaixa fiscal anunciada polo goberno, que “cando ten eleccións á vista ofrecen unha rebaixa de 20 euros para as rendas mais baixas cando a realidade é que a meirande parte delas non tributan”. Quere agochar así que a rebaixa de impostos en realidade é moi limitada e “no mellor dos casos vamos volver onde estabamos en 2011”, cando Rajoy accedeu ao goberno.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar