O cambio de Goberno supón a “renuncia” de Feijóo a impulsar a saída da crise

O cambio de Goberno supón a “renuncia” de Feijóo a impulsar a saída da crise


O viceportavoz do Grupo Socialista, José Luis Méndez Romeu, dixo hoxe que os cambios de Goberno anunciados por Feijóo supoñen a súa “renuncia a impulsar a saída da crise”. Así o dixo logo de coñecer os novos nomeamentos cos que, dixo, evidencia que “ten esgotado o seu percorrido e o seu programa e agarda a oportunidade de convocar eleccións”.

O responsable socialista sinalou a ausencia de cambios de importancia e a “falla de compromiso co impulso da acción do goberno” co que dixo evidencia a “renuncia a xestionar”. Lamentou a ausencia de “ideas, proxectos ou consideracións novidosas” que permitan que Galicia supere a crise económica e a destrución de emprego, logo de ter acadado un novo récord de parados no mes de decembro.

Méndez Romeu sinalou que os cambios foron asumidos hoxe por Feijóo xa que “todos veñen dados dende fora” por nomeamentos “de segundo ou terceiro nivel” no goberno central coa evidente “perda de influenza” de Galicia no Estado.

O responsable socialista salientou a “absoluta falla de aportacións ou de persoas novas e competentes que veñan mellorar o baixo nivel do goberno galego”. Isto explica o “perfil moi baixo” dun goberno “carente de iniciativas e novidades para impulsar unhas políticas esmorecentes”.

Cargos de segundo nivel

En cambio, o presidente da Xunta opta por ascender a cargos “de segundo nivel que son coñecidos de vello”. Neste sentido, desexou á futura conselleira de Sanidade “máis éxito que como xerente do Sergas” onde, lembrou, mantivo “actitudes de nepotismo” ao nomear á súa parella como alto cargo no Hospital de Santiago, concedeu unha asistencia técnica no Hospital de Vigo a unha empresa relacionada cunha filla.

Tamén lembrou que xestionou un “escándalo sen precedentes con membros dun tribunal de oposicións cualificando os seus propios exames”. Salientou ademais ironicamente o “perfil agrario da conselleira de Pesca” e dixo que o traslado de Turismo a Presidencia da Xunta converte este departamento nun “caixón de sastre” logo de que o presidente “recoñecera que non sabe cómo arranxar a situación dos aeroportos galegos”.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar