Méndez Romeu reclamará a devolución da Lei de Política Industrial por "irrelevante"

Méndez Romeu reclamará a devolución da Lei de Política Industrial por "irrelevante"

Méndez Romeu reclamará a devolución da Lei de Política Industrial por "irrelevante"

O portavoz de Economía, Industria e Innovación do Grupo Socialista, José Luis Méndez Romeu, reclamará no próximo Pleno do Parlamento a devolución da Lei de Política Industrial de Galicia por “irrelevante” e “baleira de contido industrial”. Os socialistas galegos presentarán así unha emenda de devolución ao texto presentado pola Xunta que será debatido o próximo luns.

Dixo que a Xunta demostra un “lamentable esgotamento do impulso” nun momento de crise económica que se evidencia cunha caída do 12,1 por cento no Índice de Produción Industrial de Galicia, mentres no Estado xa crece un 0,6 por cento. Lamentou que a pesares desta situación “dramática”, a Xunta presenta un texto “fondamente viciado pola súa falla de efectividade” e “carente de compromisos financeiros explícitos”.

O responsable socialista lembrou o ditame do Consello Económico e Social, que tamén critica un texto “baleiro de auténtico contido industrial” e censura o “reducionismo da Política industrial ao ámbito competencial da Consellería. Tamén carece de referencias á creación de emprego, ignora os servizos inherentes ás actividades industriais, a diversificación industrial ou a instalación de ciclos produtivos completos.

Méndez Romeu advirte que este texto supón “a perda dunha oportunidade para reformular o papel do Instituto Galego de Promoción Económica”, que a pesares de constituír “o instrumento mais importante da actuación da administración galega no ámbito industrial” actualmente permanece “descabezado e perdido na maraña de entes administrativos da Xunta gobernada por Feijóo”.

Advirte que a Lei “evita unificar organismos públicos con incidencia na política industrial” e constitúe “un proxecto cun ámbito reducido e pouco ambicioso, que “non ten en conta os procesos de reestruturación e deslocalización, a formación ou a implicación dos traballadores nas industrias” e mesmo “non define os sectores estratéxicos nin o papel dos centros tecnolóxicos”.

Bochornoso
O parlamentario socialista engade que este texto “constitúe o bochornoso resultado da oposición frontal da Consellería de Facenda, que forzou a retirada íntegra das exencións fiscais previstas como axudas ás empresas”, en contra dos compromisos electorais do PP. Explica que ademais “ignora as competencias da Xunta de Galicia e doutras administracións, constituíndo un texto unicamente dun exclusivo departamento da Administración autonómica.

Este proxecto de Lei, dixo, excédese en asuntos administrativos con nula relevancia industrial, como o regulamento dos clúster ou avaliacións de impacto normativo, pero non prevé as garantías imprescindibles para preservar cuestións de interese público ou social que poden afectar ás materias patrimonial, urbanística, ambiental ou de seguridade.

Méndez Romeu sinala tamén que esta norma “contén preceptos sen consideración ao noso actual marco xurídico, fundamentalmente coa introdución de xeito inusitado dos “Proxectos Estratéxicos Industriais” á marxe da lexislación vixente en materia de ordenación territorial, urbanística e medioambiental, “desbordando as competencias no ámbito municipal”.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar